Prosegue a Semana da ciencia en galego cunhas xornadas de terminoloxía matemática
A Facultade de Matemáticas acolle este martes 5 e o mércores as xornadas de terminoloxía matemática ‘Comparte a beleza. A beleza dos números, a beleza das palabras’ na que diversos especialistas das tres universidades galegas disertarán acerca deste léxico científico e a súa problemática. Trátase dunha das actividades do Día da Ciencia en Galego na USC, nesta ocasión centrado na Arte e a ciencia e na Estatística e dedicada ao arquitecto Richard Buckminster, á enfermeira Florence Nightingale e ao intelectual e artista galego creador de Sargadelos, Isaac Díaz Pardo. As xornadas comezarán ás 18.00 horas coa presentación da rolda de léxico lexi_ga_math [at] listas.usc.es (lexi_ga_math[at]listas[dot]usc[dot]es) a cargo de Xosé M. Masa, da comisión de normalización lingüística da Facultade de Matemáticas, para continuar coa conferencia ‘ A problemática da fixación do léxico científico’ deXusto Rodríguez, do Servizo de Normalización da USC. A sesión rematará cunha mesa redonda sobre o léxico matemático nos textos e nas aulas universitarias. O mércores presentarase ‘ Explícoche Matemáticas 2.0’ ademais de falarse do léxico científico nos dicionarios galegose do galego das matemáticas elementais . Conferencias divulgativas Ademais, este martes terá lugar ás 20.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca a segunda conferencia do ciclo ‘Nunha relación aberta: Arte e Ciencia’, no que persoal de diversos centros do Campus de Santiago explica cada unha das temáticas do Día da Ciencia en Galego 2013. Este martes será a quenda de Miguel Anxo Rodríguez, de Historia da Arte, coa conferencia ‘ Sargadelos como lugar soñado: da arte á industria e viceversa’.