Gala final da terceira edición do Premio de Comedia ‘Somos a curta!’
Humor e lingua galega son os ingredientes principais das oito curtametraxes que se presentaron á terceira edición do concurso ‘ Somos a curta!’ organizado pola Comisión de Normalización Lingüística de Ciencias da Comunicación en colaboración coa Liga Estudantil Galega. Das curtas, chegadas de distintos puntos da xeografía galega, elixíronse cinco finalistas que se proxectarán este xoves 7 na gala final do certame e entre as que o xurado –formado por Antonia Nieto, Mª Carmen Balsa e Xosé López– elixirá as dúas gañadoras, con premios de 400 e 200 euros. A gala terá lugar este xoves ás 20:00 horas no Auditorio da Facultade de Ciencias da Comunicación e nela, conducida polas poetas María Lado e Lucía Aldao, decidirase o premio especial do público, sen dotación económica, que deberá votar mostrando o seu DNI. As pezas Os títulos finalistas desta terceira edición son ‘Santiago de Compostela 2024’, ‘A verdadeira historia de Bela e Besta’, ‘Chamada de atención’, ‘Loita de clases’ e ‘Quen anda aí?’. Ademais, admitíronse a concurso (sen ser finalistas) as pezas ‘A conta, por favor’, ‘Casildo’ e ‘E ti que miras?’.