Pasar al contenido principal

Bota a andar o Laboratorio Aberto de Experimentación, Emprendemento e Creación Visual e Sonora da USC

Cartel do programa Deslocalizad@s
Cartel do programa Deslocalizad@s
É unha iniciativa que impulsa a Área de Cultura e cuxa primeira intervención será o programa ONU, Outside Network University (Deslocalizad@s), dirixido a “potenciar e apoiar o talento, a creación e a...

A Área de Cultura acaba de poñer en funcionamento o Laboratorio Aberto de Experimentación, Emprendemento e Creación Visual e Sonora, baixo a dirección do profesor da Facultade de Ciencias da Comunicación Xaime Fandiño. Canal Campus LAB será un espazo de diversificación cultural para a estimulación dentro da Universidade de Santiago da creatividade sonora e visual en todas as súas facetas, así como para potenciar a capacidade de emprendemento cultural da comunidade universitaria e fortalecer a transferencia de coñecemento e innovación coa industria cultural e da comunicación de Galicia. O espazo de referencia deste laboratorio será a Fonoteca Universitaria, lugar de experimentación e posta en valor de iniciativas relacionadas coa creatividade e innovación visual e sonora. A través dunha programación diversificada, Canal Campus LAB adaptará as súas propostas de forma puntual e oportuna ás demandas que non estean contidas de forma específica nos currículos académicos ou que, pola súa actualidade, superen neste ámbito competencial a programación regrada universitaria. Organizaranse cursos e obradoiros específicos nos ámbitos relacionados, así como iniciativas e propostas de carácter lúdico funcional relacionadas con actividades de emprendemento creativo. Deslocalizad@s A primeira iniciativa que impulsará o Laboratorio será ONU, Outside Network University (Deslocalizad@s), un programa dirixido a “potenciar e apoiar o talento, a creación e a interacción musical das persoas deslocalizadas (bolseiros que se atopan na USC procedentes doutros países a través de Erasmus, Séneca, ISEP, ou outros programas de intercambio) e que tocan instrumentos ou cantan e que, estando fóra do seu lugar de orixe, non atopan onde desenvolver as súas aptitudes musicais”, explican os promotores da iniciativa. O obxectivo principal é darlle a oportunidade a este colectivo de conectar con colegas doutros países, que chegaron á USC dentro dun programa de mobilidade, e formar grupos de música de calquera estilo. Neste senso, a Fonoteca proporcionará un lugar para levar a cabo os ensaios. Ademais, se a proposta musical é “novedosa, talentosa e interesante” poderá contar co apoio do equipo CANAL CAMPUS para a difusión e promoción dese traballo.

As persoas interesadas poden obter máis información en www.canalcampus.es ou apuntarse enviando un correo electrónico a info [at] canalcampus.es (info[at]canalcampus[dot]es) para seren chamados a unha reunión con quen decida sumarse á iniciativa.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 06.11.2013.