Científicos industriais e investigadores matemáticos reúnense para resolver problemas de interese para a industria
Entre os días 11 e 14 deste mes terá lugar na Facultade de Matemáticas da Universidade de Santiago de Compostela o 97 European Study Group with Industry (97 ESGI) que na súa 97 edición se converteu xa nun evento singular, reproducido en todo o mundo, no que a comunidade matemática se reúne en grupos de traballo para tratar problemas presentados directamente pola industria e que grazas á transversalidade das matemáticas son abordables con esta tecnoloxía en todos os sectores de actividade económica. Iniciados en Oxford en 1968, os European Study Group with Industry (ESGI) constitúen un foro para traballar de xeito conxunto científicos industriais e investigadores matemáticos sobre problemas de interese para a industria. Trátase dun método internacionalmente recoñecido de transferencia de tecnoloxía e coñecemento entre as institucións académicas e a Industria. Nesta ocasión, é o primeiro ESGI realizado en Galicia e celebrarase na Universidade de Santiago de Compostela grazas á colaboración entre o Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI, consorcio público das tres universidades galegas, e a Rede Española Matemática-Industria (math-in). A apertura do evento terá lugar o luns 11 ás 10.30 horas e será presidido polo presidente do ITMATI e vicerreitor de Investigación e Innovación da USC, Francisco González García. Intervirán tamén a decana da Facultade de Matemáticas, Mª Victoria Otero Espinar, e a presidenta da rede math-in, Peregrina Quintela Estévez. Resolución de problemas O 97 ESGI, que reunirá máis de corenta especialistas das ramas de Matemática Aplicada e Estatística e Investigación Operativa, ten como obxectivo o fomento da transferencia Matemática cara á Industria buscando activamente proxectos de investigación e desenvolvemento onde a Matemática teña unha especial relevancia. Durante a primeira sesión do ESGI, as empresas invitadas, Teknova, Alcoa, Elkem e CENER, consultarán problemas xurdidos no seu sector de actividade. Nesta edición serán problemas nos ámbitos científicos da combustión, o termoeléctrico, e o das enerxías renovables e da xestión de recursos; problemas todos eles que son susceptibles de ser tratados mediante métodos matemáticos, estatísticos e numéricos. Ao longo das seguintes sesións os investigadores asistentes traballarán conxuntamente coas empresas participantes para encontrar unha solución aos problemas formulados. Na organización de este 97 ESGI participa ITMATI, que ten ademais unha colaboración moi activa con nove grupos de investigación en Matemática Aplicada, Estatística e Investigación Operativa, das Universidades da Coruña, Santiago e Vigo, o que lle permite un intercambio continuo de coñecemento con case cento cincuenta investigadores de alto nivel e con gran experiencia en dar resposta a demandas do ámbito industrial. Na USC, ITMATI colabora estreitamente con catro destes nove grupos de investigación, o interdisciplinar de Estatística, Computación, Medicina e Bioloxía (GRID[ECMB]) coordinado pola catedrática de Bioestadística Carmen Cadarso Suarez; o de Enxeñaría Matemática (mat+i) coordinado polo catedrático de Matemática Aplicada Alfredo Bermúdez de Castro López-Varela; o grupo Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicación (modestya) coordinado polo catedrático de Estatística e Investigación Operativa Wenceslao González Manteiga; e o de Modelos Matemáticos e Simulación Numérica en Mecánica de Sólidos (MOSISOLID) coordinado polo catedrático de Matemática Aplicada Juan Manuel Viaño Rey. Esta edición conta ademais con financiamento recibido a través dun proxecto co goberno noruegués no que ITMATI colabora con outras prestixiosas institucións europeas como o Insitituto Tecnolóxico noruegués Teknova, o Oxford Centre for Industrial and Applied Mathematics (OCIAM), a Norwegian University of Scienceand Technology e a University of Agder Campus Grimstad, así como coas empresas Elkem, Eramet Norway, Alcoa Norway e Saint Gobain Ceramic Materials.