Unha investigación identifica modelos biomiméticos efectivos para a catálise con aplicacións industriais e para a biomedicina
O enxeñeiro técnico Industrial e licenciado en Química Gustavo González Riopedre desenvolveu unha investigación que posibilita coñecer as claves para identificar os modelos biomiméticos máis efectivos para as actividades catalíticas, ao tempo que abre novas posibilidades para o futuro desenvolvemento de catalizadores máis eficientes. Este novo achado podería ser tamén potencialmente útil para aplicacións de tipo industrial e tamén no campo da biomedicina.
A investigación desenvolvida por González Riopedre está recollida na tese de doutoramento ‘ Catalizadores Biomiméticos autoensamblados’, dirixida polos profesores do Departamento de Química Inorgánica da USC María Isabel Fernández García e Marcelino Maneiro Maneiro, e que cuxas conclusións foron presentadas por González Riopedre na Facultade de Ciencias do campus de Lugo. A tese de doutoramento presentada e defendida por este investigador asturiano formado no campus lugués ante un tribunal presidido polo catedrático do Departamento de Química Inorgánica da Universidade de Santiago José Sordo, destaca a importancia da investigación na síntese de novos modelos artificiais de manganeso capaces de mimetizar o comportamento catalítico da fotosíntese da auga ou doutros enzimas naturais como as catalasas ou peroxidasas. A fotosíntese é o proceso polo que as plantas e outros organismos transforman a enerxía da luz solar en enerxía química, a cal despois utilizan para desenvolverse. A consecución de modelos artificiais que repliquen este proceso preséntase como unha vía atraínte para acadar unha fonte de enerxía inesgotable, salienta este investigador. Asemade, os enzimas catalasas e as peroxidasas están implicadas nos mecanismos de defensa contra o estrés oxidativo provocado polas especies reactivas de osíxeno que aparecen como consecuencia da respiración (radicais hidroxilo, peróxido de hidróxeno, etc.). González Riopedre relata neste senso que os modelos miméticos destes enzimas poden ter potencial aplicabilidade tanto no ámbito da biomedicina como tamén en procesos industriais onde se utilizan este tipo de especies para realizar oxidacións, por exemplo, nos procesos de branqueo na industria alimentaria, téxtil ou da madeira. Os novos modelos sintetizados e estudados nesta tese de doutoramento baséanse nun coidado deseño dos ligandos que estabilizan ao ión manganeso. Estes ligandos, ademais de facilitar a rede de interaccións supramoleculares, deben ter a capacidade de estabilización do manganeso en estados de oxidación elevados para así poder realizar as funcións oxidativas que realizan as manganoenzimas nos procesos biolóxicos nos que participan. A investigación desenvolvida por González Riopedre permite determinar que a xeometría ao redor do ión manganeso é un factor decisivo para optimizar as actividades catalíticas. Outra das achegas recollidas nesta tese de doutoramento é a que atinxe á comprobación de como a autoensamblaxe dos complexos a través das interaccións intramoleculares incide na efectividade destas capacidades catalíticas. Tribunal da tese O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento presentada e defendida por Gustavo González Riopedre baixo o título ‘Catalizadores biomiméticos autoensamblados’ estivo presidido polo catedrático da USC José Sordo Rodríguez. A profesora do Departamento de Química Inorgánica da institución académica compostela Ángeles Sánchez; o catedrática da Universidade de Burgos, Javier García Tojal; Jesús José Fernández, da Universidade da Coruña, e Delfina Couce, da Universidade Vigo, completan a formación do tribunal, que outorgou a máxima cualificación á investigación desenvolvida por González Riopedre. Gustavo González Riopedre, na presentación da súa tese de doutoramento na Facultade de Ciencias