Pasar al contenido principal

Máis de 400 propostas concorreron ao XIII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC

A entrega de premios celebrouse en San Xerome. Foto: Servimav-USC
A entrega de premios celebrouse en San Xerome. Foto: Servimav-USC
É maior cifra rexistrada en todas as edicións celebradas

Un servizo de terapia celular veterinaria, unha proposta para a diagnose rápida de virose en cultivos, outra de emulsións para a administración vaxinal de fármacos, unha empresa sobre a sensorialidade dos alimentos e a opinión dos usuarios e outra dedicada á produción de preparacións microscópicas para o seu uso didáctico na docencia. Estas son as cinco ideas premiadas con 600 euros cada unha no XIII Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC. O xurado seleccionounas de entre un total de 404 propostas, o maior volume de participación rexistrado por esta convocatoria nas súas trece edicións. Na elección das premiadas, o xurado valorou a viabilidade e factibilidade da idea, o seu carácter innovador e o grao de madurez, así como o seu mercado potencial ou a atención ás políticas de igualdade. Como en anteriores edicións, o Concurso premia aquelas emprendedoras e emprendedores que presentaron ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais a curto e medio prazo. Ademais, nesta ocasión a convocatoria pretendía incidir no fomento de inquedanzas emprendedoras entre a comunidade feminina das universidades galegas. Do total de propostas recibidas, o 64 % presentáronas mulleres, mentres que no que respecta á vinculación universitaria o 73% das ideas proceden de estudantes. Tastelab ‘Tastelab. O sabor como garantía de éxito’ é unha proposta formulada pola doutoranda na Facultade de Ciencias de Lugo Maruxa García que se presenta como a “primeira e única empresa en Galicia de base tecnolóxica” que desenvolve estudos sensoriais (arredor de sabores, aromas ou texturas) e de percepción do consumidor, co que se busca pór en valor os produtos do sector agroalimentario. Segundo as previsións da promotora desta idea, no prazo de dous anos podería dispoñerse dunha base de datos de consumidores con máis de 3.000 rexistros miSLideLab Con esta denominación, as docentes da Facultade de Bioloxía Eva Candal e Fátima Adrio propoñen a creación dunha empresa dedicada á produción de coleccións de preparados microscópicos para o seu uso como material didáctico a distintos niveis educativos. Concretamente ofreceríanse preparacións de células e seccións de tecidos vexetais e animais para prácticas de laboratorio en materias relacionadas coa bioloxía celular, histoloxía, organografía, zooloxía, botánica, embrioloxía e patoloxía. Terapia Celular Veterinaria O servizo de terapia celular veterinaria é unha proposta da doutoranda da Universidade da Coruña Ángela Vela que propón ofrecer tres servizos xenéticos dirixidos a veterinarios, propietarios de animais, servizos públicos e centros que traballen con animais. A súa idea é ofrecer tratamentos individualizados con células nai autologas e outros produtos de medicina rexenerativa; servizo de prevención fronte enfermidades comúns mediante o deseño dun tratamento específico e a criopreservación de células mesenquimais; e o desenvolvemento dun banco de células nai. Diagnose rápida de virose en cultivos Ana María Pesqueira Méndez, doutoranda na Escola Politécnica Superior, pretende desenvolver kits de diagnose rápida de patóxenos en cultivos para agricultores. Serían aplicables a varios cultivos de reprodución vexetativa como a pataca e a algún de reprodución por semente como a xudía nos que as viroses están asociadas a grandes perdas e nos que a maior parte do material vexetal para o seguinte cultivo prodúceo o propio agricultor. Administración vaxinal de fármacos A idea de María José Campaña, doutoranda na Facultade de Farmacia, é elaborar emulsións silicónicas para a administración vaxinal de fármacos, resistentes ao aclaramento polo fluxo vaxinal. Os fármacos empregados para a elaboración destas emulsións son a hormona proxesterona e o antibiótico ciprofloxacino. A innovación desta proposta, para a que estaría a piques de ser autorizada e aceptada unha patente, reside en que a estas emulsións non lles afecta a presenza de fluxo, permanecendo máis tempo na vaxina o que aumenta as posibilidades de que o fármaco faga efecto no lugar correcto. A entrega de premios presidiuna o reitor Juan Casares, xunto ao que tamén participaron a secretaría xeral de Igualdade e presidenta do xurado do concurso, Susana López Abella; o director xeral de Traballo e Economía Social, Odilo Martiñá; a subdirectora de Promoción Científica e Tecnolóxica da Xunta de Galicia, Mª Jesús Tallón; a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva; e o director do programa Uniemprende da USC, Carlos Hernández Sande.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 11.11.2013.