Pasar al contenido principal

O Campus Terra pivotará a carón de sete áreas de especialización acordes coas capacidades docentes e de I+D+i existentes en Lugo

Ramil, García Herradón e Varela, na Casa do Saber
Ramil, García Herradón e Varela, na Casa do Saber
García Herradón valora modificacións da actual oferta docente do campus para facela máis atractiva, adaptarse ás necesidades da sociedade e captar máis alumnado

O proxecto do Campus Terra pretende a transformación da sede universitaria luguesa nun campus especializado arredor da Terra, unha aposta pola especialización contemplada desde un enfoque interdisciplinar no que teñan cabida todos os ámbitos temáticos que permitan potenciar a súa calidade docente, así como o desenvolvemento de tarefas de I+D+i e tamén a transferencia de coñecemento, en aras a mellorar a súa competitividade no edio rexional, nacional e internacional, segundo indicou este xoves o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, nunha sesión de traballo cos axentes sociais para o deseño do plano estratéxico que será a folla de ruta do futuro Campus Terra na que tamén participaron numerosos representantes do tecido empresarial e tamén dos colexios profesionais.

García Herradón relatou que o Campus Terra é un proxecto da Universidade de Santiago para afondar na especialización do campus lugués, pero desde unha perspectiva de cooperación coa sociedade e aberto ás achegas e suxestións propostas desde as distintas institucións, entidades e organismos da súa contorna, a fin de acadar así unha maior visibilidade e, en consecuencia, ter un maior impacto social, económico e medioambiental, sempre de xeito sostible. O proxecto do Campus Terra ten tamén unha vocación de permanencia no tempo, pois trátase dunha reflexión profunda orientada á transformación dun campus en aras a optimizar o seu potencial como xerador de coñecemento, e tamén nos eidos da I+D+i e da transferencia do coñecemento. O obxectivo último do Campus Terra pasa por facer da sede universitaria luguesa un motor de dinamización da súa contorna social, económica e territorial, segundo dixo García Herradón. O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo resatou que este proceso de transformación do campus non prescindirá dos valores actuais, senón que tratará de aproveitar todos os recursos e as capacidades existentes a carón dunha mesma estratexia integradora, a carón dun concepto multidisciplinar da Terra. Así, para conseguir este obxectivo, establécense 7 vías de especialización, que dan cabida aos distintos centros docente e de investigación radicados no campus lugués. Itinerarios de especialización Os itinerarios xa acordados e nos que afondará o Campus Terra son: ordenación e planificación do territorio, xestión empresarial e emprendemento sostible; conservación valorización e innovación no aproveitamento dos recursos naturais; a relación das persoas cos animais nos ámbitos sanitario, produtivo e medioambiental; suficiencia, calidade e seguridade alimentaria, educación formal e non forman no mundo rural, e a posta en valor do patrimonio cultural da Terra. A Universidade de Santiago afronta este proceso de transformación do campus de Lugo desde unha perspectiva integradora, a través da que quere recoller todas as ideas e achegas feitas pola sociedade, sinalou García Herradón, quen tamén avanzou a inmediata apertura na páxina web da USC dun cuestionario de expectativas no que os distintos axentes sociais poderán deixar constancia das súas consideracións e propostas de cambios no campus de Lugo. O desenvolvemento destas vías de especialización contribuirá a cumprir as premisas que persigue o Campus Terra, que pasan pola internacionalización biderecional do campus lugués, no senso de captar recursos financeiros e talento en forma de investigadores e alumnos e exportar coñecemento. Para conseguir este reto antóllase preciso modificar a oferta docente, a fin de facela máis atractiva e adaptala ás necesidades e demandas sociais e empresariais, así como avanzar na xestión e prestación de servizos ás persoas, relatou García Herradón. Recursos e actividades de I+D+i O campus de Lugo xestionou máis de 45 millóns de euros polo desenvolvemento de proxectos e actividades de I+D+i no período comprendido entre 2006 e 2012, segundo indicou o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación do campus de Lugo. Pablo Ramil precisou neste senso que os centros do campus desenvolveron neste período 1.845 actividades de I+D+i, 86 proxectos financiados con fondos europeos, 93 a cargo de partidas orzamentarias do Plan Nacional e 175 financiados a través de convocatorias autonómicas. Ramil, que fixo un breve recorrido polas principais infraestruturas, institutos, plataformas e servizos de investigación que dispón na actualidade o campus de Lugo, salientou que Escola Politécnica Superior, Facultade de Veterinaria e Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) son os centros da sede universitaria luguesa que máis recursos captan por actividades de I+D+i. Ramil, destacou, sen embargo, a importante actividade desenvolvida nas demais facultades do campus. Axencia Galega de Innovación O director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela, pechou a quenda de intervencións desta sesión de traballo cunha chamada á excelencia como vía para acceder á captación de fondos públicos para I+D+i. Varela adiantou en Lugo algúns dos criterios polos que se rexe a Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia, a folla de ruta no edio do financiamento de accións e proxectos de I+D+i no horizonte 2020. A especialización do campus de Lugo arredor da Terra é unha decisión acertada, dixo Varela, quen adiantou que o futuro reparto de achegas dos fondos europeos virá delimitado por áreas temáticas, posto que non se poden destinar a calquera cousa, dixo. O director da Axencia Galega de Innovación indicou neste senso que o Campus Terra, no que teñen cabida diferentes accións no ámbito medioambiental, do territorio e, sobre todo, no que atinxe á suficiencia e calidade alimentaria, ten moito adiantado para acceder á percepción destes fondos europeos. Respecto das estimacións orzamentarias que manexa a Axencia Galega de Innovación para o período 2014-2020, Varela cifrou en 900 millóns de euros a previsión de fondos europeos que podería captar neste período, “unha contía importante pero inferior nun 30% respecto das disposicións orzamentarias do sexenio anterior. Asistentes á xornada de traballo con axentes sociais para a elaboración do plano estratéxico do Campus Terra

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.11.2013.