Unha xornada en Dereito repasa os programas de financiamento europeos dirixidos a pequenas e medianas empresas
Os novos programas de financiamento para Pemes e os distintos aspectos prácticos e sectoriais sobre as iniciativas de apoio ás empresas son os contidos que se tratarán na xornada ‘Financiamento europeo para Pemes galegas 2014-2020’ organizada polo Centro de Estudos e Documentación Europea (CEDE) e o Centro de Responsabilidade Social, Goberno Corporativo e Protección do Investidor da USC (CERGI). As conferencias están dirixidas a alumnado e pequenos empresarios galegos de xeito que poderán ter acceso a información sobre as axudas da Unión Europea das que poderían beneficiarse, tales como fondos europeos, estruturais ou de cohesión, entre outros. A xornada celebrarase o 18 de novembro no Salón de Graos da Facultade de Dereito en horario de tarde. O primeiro en intervir, ás 16.30 horas, será o analista económico da Comisión Europea Jürgen Föcking que presentará as particularidades do programa Cosme e xunto a quen un representante do Instituto Galego de Promoción Económica referirase ás perspectivas galegas para o período 2014-2020. De 19.00 a 21.30 horas está prevista unha sesión dedicada a emprendedores co obxecto de tratar aspectos prácticos e sectoriais. Nela, a colaboradora do CEDE Yolanda Díaz falará sobre ‘ Emprendedores, cambios lexislativos e internacionalización da Peme. Axudas para I+D e emprego’, e a consultora en innovación Tamara Rodríguez proporá a continuación exercicios prácticos relativos aos programa europeos na práctica galega.