Pasar al contenido principal

A Facultade de ADE acolle este xoves a xornada ‘UniversoCoop’, de fomento de cooperativismo entre o público universitario

Bus promocional do cooperativismo instalado na explanada da Facultade de ADE
Bus promocional do cooperativismo instalado na explanada da Facultade de ADE

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acollerá este xoves, a partir das 9.30 horas, a xornada ‘ UniversoCoop’ , de difusión e fomento do cooperativismo entre o público universitario e no marco da que se abordarán diversas cuestións técnicas sobre o cooperativismo, ademais de contar experiencias de cooperativas reais formadas por universitarios/as.

Esta actividade encamiñada á presentación das cooperativas como unha fórmula de emprendemento, está incluída no programa de actos promovidos pola Dirección Xeral de Traballo e Economía Social, en colaboración coa USC, no marco Semana do Cooperativismo no campus de Lugo. Co gallo desta celebración, que se prolonga do 18 ao 22 de novembro, a Facultade de ADE acolleu diversos obradoiros, exposicións e sesións informativas, a través das que se busca achegar a comunidade universitaria á economía social. Programa e inscrición A xornada ‘UniversoCoop’ comezará ás 9.35 horas cun relatorio a sobre as claves diferenciadoras da empresa cooperativa, a cargo de Teresa Rivas, da Rede Eusumo. A sesión continuará cunha táboa redonda, moderada por Manuel Botana, catedrático de Dereito Mercantil da USC, e na que outros tres profesores de Dereito Mercantil e Financeiro abordarán cuestións relativas ás singularidades do modelo cooperativa respecto da súa fiscalidade, contabilidade e mesmo da xestión económica. Un percorrido guiado pola mostra ‘Descubre as cooperativas’, que permanecerá aberta ata o venres 22 de novembro; un relatorio sobre os pasos a seguir para constituír unha cooperativa e outra sesión na que os asistentes poderán escoitar os testemuños de experiencias cooperativas formadas por ex estudantes universitarios, servirán de colofón á xornada. O subdirector Xeral de Cooperativas e Economía Social da USC, Xoán Miguel Concheiro, pechará a quenda de intervencións cunha exposición sobre a Rede Eusumo, o cooperativismo e a economía social. Ao remate do seu relatorio, o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, pechará a xornada ás 14.00 horas, no transcurso dun acto no que tamén estará representada a Dirección Xeral de Traballo e Economía Social. A inscrición na xornada ‘UniversiCoop’, un foro que ofrece a oportunidade de coñecer o cooperativismo de primeira man e de contrastar a idoneidade da fórmula para a creación de iniciativas empresariais de base tecnolóxica, é de balde e pode facerse a través do teléfono 678 759 979 ou no enderezo electrónico info [at] eusumo.coop (info[at]eusumo[dot]coop).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.11.2013.