Pasar al contenido principal

Premian un estudo sobre as diferenzas nos resultados entre homes e mulleres dun tratamento para deixar de fumar

A vicerreitora Benita Silva, á dereita, interviñendo en presenza de Pablo Ramil e Susana López
A vicerreitora Benita Silva, á dereita, interviñendo en presenza de Pablo Ramil e Susana López
Entregáronse este luns os Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero da USC

As diferenzas entre homes e mulleres á hora de someterse a un tratamento para deixar de fumar son o obxecto do traballo que gañou este ano os IV Premios á Introdución da Perspectiva de Xénero na Docencia e na Investigación na USC. En concreto, o estudo analiza as diferenzas nos resultados a curto e longo prazo dun tratamento psicolóxico e del resulta que os perfís de personalidade son distintos, “o que podería levar a ter que deseñar tratamentos específicos para as mulleres”, explicou unha das autoras, Ana López-Durán, no acto de entrega dos galardóns. Asinan o traballo premiado Ana López-Durán, Elisardo Becoña Iglesias, Bárbara Piñeiro Neiro, Úrsula Martínez Pradera, Carmela Martínez Vispo e Elena Fernández del Río, que recolleron o diploma e o cheque correspondente de 1.000 euros nun acto en San Xerome presidido pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo. Interviñeron ademais o vicerreitor adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil Rego, e a secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella. Mais este non foi o único premio entregado na categoría investigadora –a de docencia quedou deserta -. O segundo posto foi para o traballo ‘Conciliación da vida persoal e familiar: unha análise das percepcións das persoas responsables dos centros da USC’, de Adolfo Carballo Penela e María Dolores Álvarez Pérez, que se fixa especialmente na cultura amigable coa familia; e o terceiro para ‘Prevención da depresión en universitarias’ que asinan Ángela Torres Iglesias, Olga Díaz Fernández, Vanessa Blanco Seoane, Patricia Otero Otero, Elisabet Hermida García e Fernando Vázquez González, que confirmou a “importante efectividade” desta clase de programas de prevención. A convocatoria da Vicerreitoría de Responsabilidade Social e Calidade, subvencionada pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia con financiamento do Fondo Social Europeo, busca promover e visibilizar a introdución da perspectiva de xénero na docencia e na investigación desenvolvida na universidade compostelá. A participación do persoal da USC nesta convocatoria –este ano concorrían 9 traballos– “ reafírmanos –explicou Benita Silva– na necesidade de implementar proactivamente a cuestión de xénero e muller nos programas académicos”. Neste sentido, avanzou algunha das actuacións que a súa Vicerreitoría propón no Plan Estratéxico de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes como a inclusión de forma transversal de contidos de xénero en accións formativas dirixidas a PDI e PAS, a inclusión de temática específica nos procesos de selección de persoal, a creación dunha liña de publicacións que difunda estudos sobre cuestións de muller e xénero ou ofrecer asesoramento técnico para introducir esta temática nos proxectos da USC. Xurado experto O xurado encargado de avaliar as candidaturas presidiuno a vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade e integrárono ademais a coordinadora da Oficina de Igualdade de Xénero da USC, Eva Aguayo Lorenzo; a directora do Instituto de Ciencias da Educación, Ana Mª Porto Castro; o decano de Ciencias da Comunicación, Xosé Pereira Fariña; o catedrático de Psicoloxía Social Ramón Arce Fernández; a profesora de Organización de Empresas Ángeles López Cabarcos; e a docente de Xerografía Humana Monserrat Villarino Pérez. O grupo gañador do primeiro premio, intervindo Ana López-Durán Adolfo Carballo interviñendo no nome do grupo gañador do segundo premio Por parte do grupo que se fixo co terceiro premio interveu Fernando Vázquez

Los contenidos de esta página se actualizaron el 28.10.2013.