Pasar al contenido principal

O Laboratorio de Radon de Galicia, segundo laboratorio estatal acreditado por ENAC para a medición de radon interior

Vista parcial da web do Laboratorio
Vista parcial da web do Laboratorio
A acreditación supón que o Laboratorio da USC reúne os criterios de calidade máis importantes en canto a medición de radon se refire
Santiago de Compostela

A Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) acaba de acreditar o Laboratorio de Radon de Galicia da USC para a medición de radon interior segundo a norma ISO/IEC 17025:2017, converténdose no segundo español que ostenta esta certificación xunto co de Cantabria. A acreditación contempla dous procedementos de medición de radon: o habitual e recomendado por todas as organizacións internacionais, de tres meses de duración, pero tamén inclúe o procedemento de medición en continuo, con monitores que deben permanecer entre 3 e 5 días no lugar a controlar. Neste último, o Laboratorio da Facultade de Medicina convértese no primeiro centro español recoñecido por ENAC.

A acreditación supón que o Laboratorio da USC reúne os criterios de calidade máis importantes en canto a medición de radon se refire, tanto que o Consello de Seguridade Nuclear recomenda que todos os laboratorios de radon deben estar acreditados para prestar servizos ao público. Como destaca o seu director, o profesor Xoán Miguel Barros Dios, o borrador da normativa sobre radon existente tamén contempla que, nun futuro próximo, unicamente laboratorios acreditados por ENAC sexan os que poidan facer medicións en espazos interiores.

Laboratorio de Radon de Galicia
O laboratorio da Facultade de Medicina da USC conta cunha ampla traxectoria investigadora, da que dá conta a abundante produción científica dos seus membros nas máis prestixiosas publicacións especializadas sobre os efectos do radon na saúde, incluíndo o artigo máis citado sobre este gas no ámbito sanitario, ou diversos proxectos de investigación acadados en convocatorias competitivas.

Ademais, o Laboratorio ten a disposición do público interesado o Mapa de Radon de Galicia, que acumula máis de 4.000 medicións de radon noutras tantas vivendas da comunidade autónoma galega, realizado en colaboración co Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.12.2019.