Pasar al contenido principal

A Área de Historia do Dereito e das Institucións debaterá sobre a orixe de Cristobal Colón

A Área de Historia do Dereito e das Institucións da USC organizará este martes 15 unha mesa redonda na que se debaterá sobre a orixe de Cristóbal Colón. No Salón de Graos da Facultade de Dereito con entrada libre a partir das 19.00 horas, a mesa desenvolverase baixo o lema ‘A teoría da orixe galega de Cristóbal Colón’ e contará coa presenza de Guillermo García de la Riega Bellver, Modesto Manual Doval Montes e Eduardo Esteban Meruéndano, considerados tres destacados defensores da orixe galega de Colón, moderados pola profesora de Historia do Dereito Mª Teresa Bouzada. Os participantes exporán os argumentos que lles permiten defender unha orixe galega, e máis concretamente, pontevedresa, do descubridor de Indias e a súa relación con Pedro Madruga, amparándose na abundante documentación de diversa natureza recollida xa dende finais do século XIX polos iniciadores e continuadores da Teoría. Argumentos histórico-xurídicos, lingüísticos e toponímicos, así como as consecuencias que para a comunidade galega tería a aceptación desta teoría serán comentados na mesa redonda.

A Área de Historia do Dereito da USC traballa para achegar o seu alumnado a un grao de coñecemento máis específico da materia histórico-xurídica contando para isto coa colaboración de profesores españois e estranxeiros que imparten charlas e conferencias máis especializadas. Nesta ocasión, abórdase o tema do Descubrimento colombino coa idea de achegar unha opinión sobre unha cuestión aínda non resolta pola historiografía, como é determinar o nacemento e orixe de Cristóbal Colón. Fronte a teses tradicionais, dende Galicia ábrese paso unha posición que mereceu a atención dos estudosos e medios de comunicación nacionais e que será presentada na Facultade compostelá por tres dos seus máis firmes defensores.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 14.10.2013.