Cátedra de Educación Médica para a Universidade de Santiago
A Facultade de Medicina e Odontoloxía comezou este martes a semana de celebración da festividade do seu patrón, San Lucas, coa inauguración da Cátedra de Educación Médica USC-SEMG. O acto contou coa participación do reitor da USC, Juan Casares Long, que encabezaba a comitiva que comezou visitando a nova Sala de Técnica Anatómica. A continuación desprazáronse ata as instalacións da Cátedra, onde o reitor agradeceu o esforzo tanto á facultade como á sociedade pola posta en marcha dunha iniciativa “que redundará nunha mellor formación do estudantado”. Precisamente neste aspecto incidiu o decano do centro, Juan Gestal, que situou a importancia da cátedra en ser “nexo entre a ensinanza teórica e a práctica do persoal médico”, algo no que tamén coincidiu o presidente da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, Benjamín Abarca, formado na USC e “orgulloso” de que sexa nesta universidade onde a sociedade instala a súa primeira cátedra. Interviñeron tamén os co directores da Cátedra, o profesor da USC e vicedecano de Intercambios, Innovación Docente e Calidade da Facultade Víctor Arce, e a doutora Pilar Rodríguez, da SEMG. O primeiro salientou a importancia de preparar o estudantado para que cando se acheguen á actividade profesional teñan xa uns coñecementos específicos. Pola súa banda, para Pilar Rodríguez “ trátase de aproveitar sinerxías e de poñer a práctica ao servizo da formación médica”. Mellora da docencia e do ensino Unha das prioridades para o equipo de goberno da facultade foi sempre a creación dunha Cátedra de Educación Médica que asesorase na execución de propostas de mellora da docencia na Facultade e promovese entre os docentes a formación en novas tecnoloxías e entre o alumnado a adquisición de habilidades e competencias clínicas. Nese proceso apareceu como colaboradora a Sociedade Española de Medicina Xeral e de Familia que lle dá nome á cátedra USC-SEMG. A cátedra conta cun laboratorio de habilidades con 24 postos, unha sala de simulación básica (consulta médica, reanimación cardiopulmonar, ...) e outra de simulación avanzada (simulación de procesos clínicos complexos, UCI,...), ademais dun despacho para titorías e unha sala de reunións multifuncional. Ampla programación A súa programación académica para o curso 2013-2014 comprende dous conxuntos de actividades, as dirixidas ao alumnado e as mixtas. Entre as primeiras figuran, entre outros, cursos de cirurxía menor, de reanimación cardiopulmonar, de espirometría, de abordaxe ao tabaquismo, de arritmias e de nutrición. Entre as actividades dirixidas tamén a persoal médico ou de enfermaría contémplanse seminarios sobre atención Integrada DM para DUE e Médicos e atención ao paciente na abordaxe do continuum da Diabetes Mellitus tipo 2.
Mais á marxe das accións académicas, a actividade máis próxima será este mércores 16 coa proxección, ás 18.00 horas no salón de actos da Facultade, da película ‘Ventanas en el cuerpo’, que contará coa presenza do seu director Gonzalo Palmeiro e do produtor e guionista José Manuel Solla.
Visitando a nova Sala de Técnica Anatómica. Foto: SERVIMAV-USC Estudantes facendo prácticas na Facultade. Foto: SERVIMAV-USC