Pasar al contenido principal

A universidade de Santa Catarina busca apoio tecnolóxico e de investigación na USC para desenvolver o sector ovino de leite

O vicerreitor Pedro García Herradón, durante a recepción á comitiva brasileira
O vicerreitor Pedro García Herradón, durante a recepción á comitiva brasileira
Unha comitiva de responsables políticos, investigadores e produtores brasileiros visitou o campus de Lugo e mantivo un encontro co vicerreitor Pedro García Herradón

Unha comitiva brasileira integrada por profesores e investigadores da Universidade do Estado de Santa Catarina, así como por representantes de empresas e tamén de entidades públicas da rexión ligadas ao desenvolvemento do sector agrogandeiro e do medio rural, visitaron este xoves o campus de Lugo, a fin de coñecer as liñas de investigación relacionadas co coidado, reprodución e manexo de gando ovino, así como a tecnoloxía da que dispoñen para o desenvolvemento de novos produtos baseados lácteos.

O obxectivo da visita desta comitiva brasileira ao campus lugués céntrase no aproveitamento da produción leiteira da cabana ovina do Estado de Santa Catarina, unha rexión que se estende sobre unha superficie de preto de 100.000 quilómetros cadrados e na hai contabilizadas unhas 350.000 reses, segundo indicou o profesor da Universidade do Estado de Santa Catarina Jorge Luiz Ramella. Este investigador sinalou que o desenvolvemento do sector ovino de leite nesta rexión brasileira aínda está nunha fase inicial, polo que “necesitamos coñecer as prácticas,tanto veterinarias como as referidas aos procesos tecnolóxicos que se están a desenvolver noutros lugares, como é o caso de España”. Ramella, que xunto cos demais integrantes da delegación visitou a Facultade de Veterinaria, o Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) e a Aula de Produtos Lácteos, fixo unha valoración moi positiva da súa estadía no campus de Lugo, onde tamén mantiveron unha reunión co vicerreitor de Coordinación e Planificación, Pedro García Herradón. A delegación brasileira, que se desprazará nos próximos días ata a Universidade de León e tamén acudirá a Valdepeñas, onde prevén visitar modernas explotacións de ovino e queixerías, confía en que a súa estadía no campus de Lugo permita reforzar os vínculos xa existentes entre a Universidade do Estado de Santa Catarina e a Universidade de Santiago a través de novos convenios. A universidade brasileira, que conta na actualidade con preto de 22.000 estudantes e titulados matriculados, ten unha marcada orientación agropecuaria, do mesmo xeito que o campus lugués. De feito, a Universidade de Santa Catarina envía cada ano dous ou tres investigadores a desenvolver distintos proxectos ou a facer estudos e investigacións á sede universitaria luguesa.

Este programa de intercambio de investigadores podería incluso reforzarse nos próximos anos, segundo dixo Ramella, quen tamén apuntou a posibilidade de establecer acordos coa USC e, sobre todo coa Aula de Produtos Lácteos, para desenvolver produtos elaborados derivados do leite de ovella para logo proceder á súa comercialización.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.10.2013.