A Universidade de Santiago e Vicepresidencia da Xunta de Galicia colaborarán nas actividades do Centro Integral de Análise e Resolución de Conflitos da USC
O reitor Juan Casares e o vicepresidente da Xunta de Galicia e conselleiro de Presidencia, Administracións Pública e Xustiza, Alfonso Rueda Valenzuela, asinaron este luns 21 un convenio marco polo que o departamento autonómico colaborará nas actividades do futuro Centro Intregral de Análise e Resolución de Conflitos da USC (CIARCUS). O CIARCUS dedicará a súa actividade ao coñecemento e investigación dos conflitos para a súa resolución tanto polas vías tradicionais como polas alternativas, prestando especial atención aos que presenta a institución universitaria, en canto ás súas particularidades propias cunha conflitividade específica e distinta á doutros sistemas e organización humanas, pero tamén aberto aos conflitos que presenten as persoas ou institucións alleas á propia universidade. O Convenio marco suporá a colaboración en programas de formación tanto para o persoal docente e investigador universitario como da administración autonómica, e no desenvolvemento de xornadas, congresos científicos ou de difusión ao redor da resolución de conflitos nos ámbitos do Dereito e a Psicoloxía. Coa posta en funcionamento deste centro, xurde unha organización que ten como ánimo traballar en toda a tipoloxía de conflitos que se puideran producir no ámbito universitario, dándolles un tratamento reparador sempre que sexa posible. En calquera caso, quen acceda ao CIARCUS, poderá optar entre acudir aos tribunais, a través do estudo xurídico, ou ben tratar de buscar e obter unha solución dialogada e consensuada ao seu conflito a través do recurso ao centro de mediación. Deste xeito, o Centro servirá para resolver a pacificar tanto os conflitos que se produzan a nivel interno, no marco da comunidade universitaria, como os externos, da cidadanía en xeral, e os orixinados entre a Universidade e outras instancias. Integrarán este centro, as catedráticas da Facultade de Dereito Raquel Castillejo e María Paz García Rubio; as profesoras de Dereito Marta Requejo e Lourdes Noya; o docente do mesmo centro, Bernardino Varela; o catedrático de Psicoloxía Social, Gonzalo Serrano, e a profesora de Psicoloxía Social, Lourdes Mirón. Segundo o equipo promotor, este é un centro de “vangarda científico-técnica, toda vez que o proxecto a desenvolver non ten un modelo idéntico, nin en Galicia nin no resto do territorio do Estado, aínda que si semellantes”.