Pasar al contenido principal

O Claustro Universitario da USC aproba os Estatutos da institución

O Claustro Universitario da USC aproba os Estatutos da institución
O Claustro Universitario da USC aproba os Estatutos da institución

A Lei Orgánica de Universidades aprobada en 2007 obrigaba a estas a reelaborar os seus Estatutos de acordo á nova legalidade, un proceso que na USC rematou este martes en sesión extraordinaria do Claustro universitario coa aprobación do seu marco estatutario por 155 votos a favor, 17 en contra e 10 brancos, conseguíndose así a maioría absoluta necesaria que se situaba nos 142 votos. O proxecto de Estatutos volvía ao Claustro logo de que a Xunta de Galicia lle fixese as modificacións necesarias para superar o control de legalidade, “un control excesivamente intervencionista e regulamentista non só de forma senón tamén de contido” en opinión do presidente da Comisión de Desenvolvemento Estatutario da USC, Juan Monterroso, postura coa que coincidiu boa parte dos asistentes á sesión, que denunciaron “a desmedida inxerencia da Xunta de Galicia neste texto”. Tamén Míguez Macho, secretario da comisión, se manifestou neste senso, afirmando que diante da intención da USC de elaborar uns Estatutos pouco regulamentistas para así deixar o seu desenvolvemento ás normas propias da USC, a Xunta exerceu “de maneira case excesiva as súas potestades”. Os estatutos universitarios son “a máxima norma institucional e a máxima expresión da nosa autonomía”, argumentou. Xa na quenda de intervencións para fixar a posición de voto as posturas foron maioritariamente favorables á aprobación do texto. O profesor Enrique Macías manifestou o voto afirmativo do grupo +Ideas “por solidariedade institucional” e a pesar de seren uns estatutos “desmesuradamente prolixos e regulamentistas”. Tamén A Trabe expresou o seu voto afirmativo ao texto denunciando o “ intervencionismo intolerable da Xunta, que se excede do control puro da legalidade”. Pola súa banda, a Liga Estudantil Galega afirmou que non votaría a favor “porque os estatutos non reflicten a autonomía universitaria”. Longo proceso A xuntanza de hoxe tivo lugar logo de que xusto hai un ano, e tras un longo período de reforma e tres votacións fallidas, se aprobase o proxecto de Estatutos por 172 votos a favor, 63 en contra, 15 brancos e 3 nulos. Unha vez aprobado polo Claustro, a Universidade remitiulle o texto á Xunta, que o devolveu a finais de xaneiro de 2013 esgotando o prazo administrativo. A partir de aí, explicou Monterroso, e dado o carácter “regulamentista demais das achegas”, abriuse un “arduo” proceso de negociación no que participaron Miguel Míguez e o secretario xeral adxunto, Carlos Gómez Otero, e que remata a finais deste pasado setembro cun acordo de mínimos que a Comisión de Desenvolvemento Estatutario do Claustro aproba por unanimidade. Ese acordo leva parello o compromiso de que ao aprobarse en votación claustral, o novo texto levarase ao DOGA directamente. Modificacións de catro tipos Con respecto ao aprobado a finais do pasado ano o novo documento recolle modificacións de catro tipos basicamente: semánticas, que adaptan a redacción á lexislación vixente; para corrixir a obsolescencia dalgúns puntos, froito da aprobación de novas normativas ao longo ao longo da tramitación do texto; para desenvolver polo miúdo aspectos que nos estatutos se recollían de maneira xenérica; e unhas poucas, as menos, de legalidade. O novo texto estatutario da Universidade de Santiago de Compostela introduce novas garantías para a lingua galega e o seu uso na institución, de conciliación, de igualdade de oportunidades e de xénero, de integración de persoas con discapacidade ou de sustentabilidade.

O capítulo de PDI inclúe a duración dos períodos de contratación e recolle como criterio para contratar a estabilización e promoción académica do persoal acreditado polas instancias externas oficiais. O estudantado atopará novos deberes e novos dereitos, actualizados e concordes coa implantación do Espazo Europeo de Educación Superior. O texto contempla tamén a modificación da representación dos diversos sectores universitarios no Claustro, entre outras cuestións.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 22.10.2013.