Pasar al contenido principal

O profesor Gómez Segade recibe este venres unha homenaxe na USC

O profesor da Universidade de Santiago José Antonio Gómez Segade recibe este venres 27 unha homenaxe dos seus compañeiros e amizades por mor da súa xubilación como docente. Ao acto, previsto para as 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca, asiste o reitor da USC, Juan Casares Long. Logo da lección maxistral do propio profesor Gómez Segade, intervirán no acto o director do Departamento de Dereito Mercantil e do Traballo, Ángel García Vidal, e o decano da Facultade de Dereito, Miguel Míguez Macho, para pechar o reitor Juan Casares. Gómez Segade José Antonio Gómez Segade (Monterrei-Ourense, 1943) é licenciado e doutor en Dereito pola USC, en ambos os dous casos con Premio Extraordinario. Catedrático de Dereito Mercantil en Valencia e desde 1981 en Santiago de Compostela, de 1994 a 2004 foi adxunto no Franklin Pierce Law Center en Concord (EE.UU.). Ten no seu haber varios libros, máis de 130 artigos en revistas estranxeiras e estatais e 15 teses de doutoramento. O catedrático da USC foi decano da Facultade compostelá de Dereito, vicerreitor das Universidades de Valencia e Santiago de Compostela e director do IDIUS da USC. Foi ademais membro do Consello Asesor de Investigación da Oficina Europea de Patentes-OEP e do Comité Científico de denominacións de orixe da UE e vicepresidente do Xurado da Publicidade en Madrid. Entre os recoñecementos acadados polo profesor Segade cabe destacar o Premio Galicia de Investigación ‘Montero Ríos’ concedido polo Goberno Galego en 2002 pola súa traxectoria como profesor e investigador senior.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2013.