Manuel Vázquez defende en Montpellier as vantaxes do uso da transglutaminasa para reducir o contido de sal de carnes e peixes

O profesor da Área de Tecnoloxía de Alimentos da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Vázquez Vázquez presentou no primeiro congreso do programa Transbio as vantaxes que posibilita o emprego da enzima transglutaminasa para reducir o contido en sal de produtos cárnicos e tamén en peixes.
Vázquez Vázquez formou parte da delegación da USC que participou do 25 ao 27 de setembro no Transbio Emergence Forum, un congreso que busca afondar no establecemento e creación de proxectos de colaboración transnacional no ámbito da medicina molecular e a innovación alimentaria. Este profesor da Facultade de Veterinaria do campus lugués relatou neste marco como a transglutaminasa permite reducir á metade a cantidade de sal en carnes e peixes. O Transbio Sudoe é un proxecto de innovación de orientación científica do suroeste europeo, que conta con financiamento do programa Interreg. O obxectivo do Transbio Sudoe, do que son membros investigadores de Aquitania, Cataluña, Galicia, Illas Baleares, Languedoc-Rosellón, Lisboa, Midi-Pyrénées e Valencia, é o de artellar e explorar vías de colaboración entre laboratorios, plataformas tecnolóxicas e empresas arredor de temás como as moléculas para a modulación da actividade.
O desenvolvemento de tecnoloxía punta para a bioloxía e a saúde, o mecanismo de enfermidades, marcadores de pronóstico e tratamento, e a biotecnoloxía para a sostibilidade e a agroalimentación son outros dos cometidos do Transbio Sudoe, creado pola Comisión Europea como ferramenta de apoio ao desenvolvemento rexional a través do financiamento de proxectos transnacionais.