Pasar al contenido principal

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC organiza un curso sobre as fontes de información da UE dirixido ao profesorado de primaria e secundaria

O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC (CEDE) organiza un curso dirixido a profesorado de ensino primario e secundario sobre as fontes de información da Unión Europea que foi recoñecido pola Xunta de Galicia dentro do seu programa de formación do profesorado. Desenvolverase entre os días 1 e 4 de outubro con horario de 18.30 a 21.00 horas na Facultade de Dereito da USC baixo o lema ‘Coñecer a USC navegando na web’. Esta é unha actividade formativa con matrícula de balde que dará a coñecer recursos como mapas, libros didácticos, xogos sobre historia e xeografía europeas, cultura, rexións ou diversidade, entre outros. Ofrece a posibilidade de coñecer recursos multilingües e fiables sobre a actualidade do continente. O seu obxectivo é potenciar o uso de fontes de información electrónica da UE destinadas a nenos/as e mozos/as, así como guías da UE no eido da historia, xeografía, cultura europeas, así como conceptos básicos sobre institucións comunitarias. O programa previsto pretende potenciar o respecto á diversidade e dar a coñecer instrumentos pedagóxicos de balde para o ensino de valores de traballo cooperativo en liña, así como fomentar a naturalidade no manexo e na escoita/lectura de linguas europeas diversas. En total, serán 10 horas lectivas nos que se utilizarán textos electrónicos interactivos aprobados pola UE para o ensino destes temas. Ao remate do curso, entregarase un diploma de aproveitamento ás persoas matriculadas que asistan ao 85% das sesións. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web do Centro: http://www.usc.es/cede.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.09.2013.