A USC ampliará a súa oferta académica para o curso 2020-2021 coa implantación de tres novos títulos de grao e dous mestrados
A USC ampliará a súa oferta académica para o curso 2020-21 coa implantación de tres novos títulos de grao e dous mestrados, tal e como aprobou este xoves o Consello de Goberno da institución académica na reunión ordinaria presidida polo reitor Antonio López na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo. A posta en marcha destas novas titulacións permitirá a USC fortalecer e renovar a súa xa ampla oferta nos campus de Lugo, onde se impartirán os graos de Empresa e Tecnoloxía (Facultade de ADE), Bioquímica (Facultade de Ciencias), e Xestión Cultural (Facultade de Humanidades), e de Compostela, no que as facultades de Xeografía e Historia e de Farmacia acollerán, respectivamente, a partir do próximo curso académico 2010-21 as sedes dos mestrados interuniversitarios en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e Nanociencia e Nanotecnoloxía.
Os cinco novos títulos de grao e mestrado, á espera da súa aprobación poloo Consello de Universidades, enriquecen e dan mostra do dinamismo e da permanente actualización para a que traballa a USC, segundo indicou Antonio López, quen tamén se referiu aos novos graos que impartirá a USC en Lugo como “unha aposta por reforzar e, se cabe, incrementar o atractivo do campus de Lugo como destino universitario”. O reitor da USC salientou asemade a necesidade de dar un novo pulo e de valorizar a formación superior nunha conxuntura na que a realidade demográfica está a deparar orlas universitarias nas que figuran máis docentes que alumnos/titulados/as.
As novas titulacións programadas pola USC en Santiago e en Lugo, onde este curso xa botan a andar o grao en Robótica e o máster universitario en Enxeñaría de Procesado de Alimentos, ademais doutros títulos propios (Máster en Igualdade de oportunidades e xénero na empresa) (Escola Universitaria Relacións Laborais), permitirán aos futuros titulados/as achegarse aos novos xacementos de emprego que está a deparar o mercado laboral. Esta aposta pola renovación da oferta proba a intención da USC de traballar a prol de respostas acaídas ás novas necesidades e expectativas da sociedade.
A reunión do Consello de Goberno da USC celebrada en Lugo permitiu tamén aprobar o novo regulamento do profesorado emérito na institución académica, ao tempo que tamén serviu para a validación definitiva da nova estrutura de gobernanza do Campus Terra da USC, a fin de garantir o éxito da súa concorrencia na próxima convocatoria de Campus de Especialización da Xunta de Galicia, e mesmo para a aprobación de modificacións duns títulos e extincións doutros. Asuntos económicos e organizativos completan a orde do día desta nova reunión do Consello de Goberno da USC, que continúa en quenda de tarde na Vicerreitoría de Coordinación de Lugo.
Valoración de novos títulos
A dimensión científica do campus de Lugo da USC, cunha clara vinculación coa terra e o territorio e o sector primario, como o proban as enxeñarías impartidas na EPSE que veñen de acadar a acreditación europea EUR-ACE e a mesmo a non menos recoñecida internacionalmente Facultade de Ciencias, quedará reforzada cun título multidisciplinar e de permanente actualidade como é Bioquímica. Asemade, os graos en Xestión Cultural e Empresa e Tecnoloxía son itinerarios formativos pensados para o futuro desde as necesidades laborais/profesionais advertidas xa no presente, pero tamén son títulos que buscan satisfacer as inquedanzas transversais e as cada vez maiores destrezas tecnolóxicas que amosan os mozos e as mozas e que tamén resultan acaídas aos intereses e demandas do tecido empresarial e produtivo, un sector que demanda profesionais versátiles, comentou o reitor da USC. Antonio López tamén salientou os novos horizontes que abren os mestrados en Arqueoloxía e Ciencias da Antigüidade e Nanociencia e Nanotecnoloxía en dous campos do saber moi diferentes.
Outras imaxes da reunión do Consello de Goberno da USC celebrada na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo