Pasar al contenido principal

A USC celebra este venres un acto de divulgación dos estudos de IV Ciclo na Deputación Provincial de Lugo

O profesor da Área de Astronomía e Astrofísica da USC Manuel Andrade ofrecerá no marco desta sesión un relatorio sobre a actividade solar e o clima na Terra

O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o coordinador do programa de IV Ciclo da Universidade de Santiago de Compostela no campus lugués, Emilio Carral Vilariño, e o deputado provincial Álvaro Santos, participarán este venres, día 27 de setembro, a partir das 18.30 horas, no acto de divulgación deste programa universitario de formación de maiores que se celebrará no salón de actos da Deputación Provincial de Lugo.

A celebración desta xornada de divulgación dos estudos do cuarto ciclo universitario promovidos pola USC contará tamén cunha exposición de dípticos e diverso material informativo, a través do que se pretende dar a coñecer a oferta de actividades formativas e lúdicas proposta para o exercicio académico 2013-2014 ao abeiro do IV Ciclo Universitario no campus lugués. O profesor da Área de Astronomía e Astrofísica do Departamento de Matemáticas da USC e tamén docente neste programa de formación de maiores, Manuel Andrade, ofrecerá no marco desta sesión un relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘Sobre a actividade solar e o clima da Terra’. Andrade relatará na súa intervención como o sol, por mor do seu complexo campo magnético, mostra fases de maior e menor actividade que se repiten ciclicamente cada once anos. Este comportamento do sol, segundo apuntan diversas investigacións podería estar relacionado con certos cambios observados no clima global da Terra. Programa académico e comezo das clases O IV Ciclo Universitario da USC, un programa independente dos estudos universitarios ordinarios e dirixido a persoas maiores de 50 anos, ofrecerá o vindeiro curso 2013-2014 un total de 26 materias. Este amplo abano de temas atópase estruturado ao longo de catro cursos e, do mesmo xeito que os estudos universitarios, están tipificadas como materias obrigatorias, optativas e de libre configuración. A temática da oferta que o IV Ciclo Universitario achega ás persoas interesadas en recibir esta formación no campus lugués é moi diversa e abrangue cuestións de economía e actualidade, informática, ecoloxía, historia contemporánea de España, historia de Europa e mesmo historia da cidade de Lugo. Análise do mundo rural, zooloxía, francés, territorio e paisaxe, astronomía, astrofísica e cosmoloxía, literatura galega, fisioloxía e saúde, alimentación saudable, estudo das células, xeografía, fundamentos de psicoloxía e coñecemento do corpo son outras das disciplinas que poderán cursar ao longo do vindeiro curso as persoas que formalicen a súa inscrición no IV Ciclo Universitario. Este programa de formación de maiores ofrece no campus de Lugo ofrece dous itinerarios diferentes, un ligado ao mundo cultural e outro máis relacionado cos ámbitos sanitario e ambiental.

As sesións formativas do IV Ciclo comezarán a impartirse o vindeiro 14 de outubro e as clases desenvolveranse en quenda de tarde, de 16.00 a 20.00 horas, nos distintos centros do campus. As persoas que estean interesadas en participar como alumnos no IV Ciclo aínda poden formalizar a súa inscrición na Unidade de Xestión Académica, emprazada no edificio que acubilla a Biblioteca Intercentros. Para máis información pódese consultar a páxina web www.usc.es/ivciclo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.09.2013.