Últimos días para matricularse no obradoiro gratuíto de linguaxe e redacción xurídica en galego
Ata o vindeiro luns, 30 de setembro, e de xeito gratuíto o estudantado de Dereito poderá matricularse no Obradoiro de linguaxe e redacción xurídica en galego que lle achegará formación gramatical e léxica específica á vez que revisará as convencións documentais estilísticas necesarias para o exercicio profesional.
O curso, dirixido academicamente pola profesora Antonia Nieto Alonso, ten concedido un crédito de libre configuración para a licenciatura de Dereito e solicitado outro por recoñecemento de competencias transversais para o grao. As aulas impartiraas Martín Ramos Ínsua, do Colexio de Avogados de Santiago, nas tardes dos días 3, 10, 17, 24 e 31 de outubro e 7 e 14 de novembro na Facultade de Dereito.
Témoslle lei Este obradoiro forma parte do programa de actividades de formación dirixidas aos estudantes da Facultade de Dereito dentro do plan de normalización do centro ‘ Témoslle lei’, xurdido da necesidade de dar cumprimento ao marco lexislativo que persegue a normalización da lingua galega nos eidos da administración e da xustiza, de xeito que non se quebrante o dereito lingüístico da cidadanía. Segundo as persoas promotoras da iniciativa, na actualidade os planos de estudos tanto da licenciatura como do grao de Dereito non garanten o coñecemento do tecnolecto xurídico que posibilite a máxima corrección xurídica e de aí a organización de obradoiros como este.