Pasar al contenido principal

O proxecto Integra2 explora a través das artes escénicas un mundo sen barreiras excluíntes

De esquerda a dereita, Xosé A. Neira, Miguel Gendre e Juan Carlos Zahera
De esquerda a dereita, Xosé A. Neira, Miguel Gendre e Juan Carlos Zahera
Aberta a participación na segunda convocatoria deste proxecto

O proxecto Integra2 é unha iniciativa creada para expresar por medio das artes escénicas –p rincipalmente a danza e o teatro- unha nova forma de entender o mundo sen as barreiras artificiais que a cotío exclúen ou fan que moitas persoas se sintan excluídas. Esta é a filosofía de Integra2, unha proposta do proxecto campUSCulturae no marco do programa de integración na cultura de persoas con necesidades especiais ADAN (Plan para Asociar a Diferenza á Normalidade) en colaboración co Espazo de Danza da USC. As persoas interesadas poderán participar neste proxecto formalizando a súa inscrición de xeito gratuíto antes do día 1 de novembro. As principais características da segunda convocatoria de Integra2 presentáronas este mércores 25 o coordinador de campUSCulturae, Xosé A. Neira Cruz; o director do Espazo de Danza da USC, Juan Carlos Zahera; e o director de Integra2, Miguel Gendre. Esta é unha iniciativa aberta a quen queira participar, forme parte ou non da comunidade universitaria, e con independencia da idade ou condición física, ademais de que non se requiren coñecementos ou formación previa. Os seus promotores esperan desta segunda convocatoria abordar un proxecto artístico e pedagóxico dende unha perspectiva favorecedora da competencia social, potenciando a busca do descubrimento de cada quén e das súas respectivas realidades. Como se explicou na presentación, deste xeito, a través do traballo da adquisición de roles, as relacións interpersoais, o autocoñecemento e os impulsos emocionais desenvolvidos no marco do teatro e a danza, “nace o afán de achegármonos a un coñecemento sólido acerca das potencialidades e limitacións da diversidade funcional e a vontade de tratar de descubrírmonos individualmente e tamén como grupo”. O programa de traballo estenderase entre os meses de novembro e abril, con sesións o luns e xoves de 18.00 a 20.00 horas na Sala de Visionado 1 da Facultade de Ciencias da Comunicación. En novembro, o tema a desenvolver será a idea de ‘normalidade’ na diversidade funcional, para tratar ao mes seguinte cuestións asociadas a autoconcepto e corpo. En xaneiro, as sesións estarán organizadas arredor do tema ‘Os meus medos, as miñas virtudes’, mentres que ao mes seguinte abordarase a cuestión ‘As barreiras. Sociedades e cambios sociais’. Nos dous últimos meses será a quenda de tratar ‘A banda sonora da vida’ e ‘A creatividade: motivación, percepción e intuición’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2013.