Pasar al contenido principal

Juan Ortiz, nomeado novo director do Xardín Botánico da USC

Juan Ortiz Sanz
Juan Ortiz Sanz
O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Lugo sucede no cargo a Jesús Aboal Viñas

O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior do campus de Lugo Juan Ortiz Sanz vén de ser nomeado director do Xardín Botánico da Universidade de Santiago de Compostela, cargo no que sucede a Jesús Aboal, quen desempeñou nos últimos anos a dirección deste servizo de apoio á docencia e á investigación, dependente da Vicerreitoría de Investigación e Innovación.

A posta en marcha das instalacións proxectadas no compostelán val do río Sarela, unha superficie de varias hectáreas que a USC prevé converter no espazo visible do Xardín Botánico, e o desenvolvemento das directrices recollidas no regulamento que rexe o funcionamento desta entidade universitaria, centrarán os cometidos máis inmediatos do profesor Juan Ortiz Sanz como director do Xardín Botánico da USC. Ortiz, que asume este nomeamento con responsabilidade é ilusión, segundo subliñou, lembrou tamén que o Xardín Botánico da USC é unha realidade "bicampus" que conta con coleccións tanto en Compostela, onde se atopa o Herbario SANT, dependente da Facultade de Farmacia, como en Lugo, cuxo herbario está vinculado co Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader). Os dous herbarios da USC contan asemade con cadanseu banco de xermoplasma asociados. Historia e obxectivos A Universidade de Santiago ten unha longa tradición na incorporación dos xardíns botánicos no seu proxecto educativo e investigador. As primeiras referencias remóntanse ao ano 1806. Dende esta data e ata actualidade, a súa existencia, situación e dependencia, estivo suxeita a múltiples avatares, desaparecendo o xardín botánico como tal na década dos sesenta do pasado século XX. Anos máis tarde, en 1989, inícianse distintas accións conducentes á súa recuperación, actuacións que recibirán a adhesión e apoio do Consorcio da Cidade de Santiago de Compostela e que se materializan nun proxecto construtivo, centrado no val do río Sarela, e na disposición dos terreos efectuada polo Consorcio á Universidade de Santiago de Compostela. A finalidade do Xardín Botánico da USC pasa por propiciar, fomentar e facilitar a investigación, a docencia, a divulgación científica e o asesoramento no eido da botánica, ademais de promover as relacións coa sociedade mediante programas de formación, conservación, educación ambiental... O acordo de creación desta institución científica no seo da Universidade de Santiago de Compostela establece que o Xardín Botánico da USC deberá contar con coleccións de plantas que se poidan visitar e de carácter público, instaladas de forma cientificamente ordenada e cun deseño e estrutura de xardín.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 25.09.2013.