Unha investigación sobre aves mortas polo vertido do 'Prestige' aprecia contaminación antropoxénica nas augas da costa galega

Un estudo multidisciplinar sobre as posibles causas de morte de aves mariñas afectadas polo vertido do petroleiro ‘Prestige’, acaecido en novembro de 2002 fronte ás costas galegas, desenvolvido na Facultade de Veterinaria do campus lugués polo investigador peruano Percy Arturo Rodríguez Ledesma, aprecia a existencia de contaminación de orixe antropoxénica nas augas da costa galega que dun xeito ou doutro ser viron afectadas por esta catástrofe medioambiental.
As elevadas concentracións de materiais como mercurio, chumbo ou cadmio deparadas nos resultados das análises practicadas ás aves mortas obxecto de estudo nesta investigación, figuran tamén entre as conclusións achegadas por Percy Arturo Rodríguez, quen subliña esta realidade logo de comprobar que os resultados cuantitativos sobre a presenza destes elementos nas augas mariñas afectadas polo ‘Prestige’ revelan un grao de concentración superior ao advertido noutros estudos. Outro dos riscos sinalados por este investigador respecto da presenza destes elementos nesta zona do litoral galego atinxe ao seu carácter acumulativo, xa que todo apunta a acción do home como axente causante da chegada e posterior concentración de chumbo, cadmio e mercurio, entre outros elementos, cuxos efectos contaminantes son claros. Unha realidade parella á advertida por este investigador na área da costa galega da que procedían ou na que se atoparon ás aves mariñas mortas logo da inxestión de fuel vertido polo Prestige, tamén se aprecia nalgunhas zonas do Delta do Ebro, nas que tamén está constatada a elevada concentración destes elementos. Estudo patalóxico e toxicolóxico de aves A investigación que deu pé a tese de doutoramento de Percy Arturo Rodríguez e que leva por título 'Análise toxicolóxica e estudo histopatolóxico das aves mortas pola catástrofe do petroleiro 'Prestige', aborda o estudo da anatomía patolóxica das aves mortas e tamén a análise toxicolóxica dos seus órganos, para logo relacionar os distintos datos obtidos. Este minucioso proceso de estudo repetiuse cos 427 exemplares da seis especies de aves mariñas obxecto deste traballo: alcas, araos e frailecillos, que son aves mergulladoras da familia dos álcidos, gaivotas, cormoranes e alcatraces. O laborioso traballo de investigación feito por Percy Arturo Rodríguez e posteriormente recollido nunha tese de doutoramento, dirixida polos profesores da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Ana Bravo del Moral, Julia Melgar Riol e Julián Alonso, e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude, permite non só estudar o impacto producido polos derrames de hidrocarburo, senón que tamén axuda a determinar a calidade da contorna na que habitan as especies analizadas. Entre os achados máis novos deste estudo pioneiro e multidisciplinar cómpre subliñar que o feito de que moitas aves non petroleadas inxeriran fuel desmonta a crenza de que estas aves comían o cru para limpar a súa plumaxe, ao tempo que apunta á mortalidade dun número de exemplares moito maior que o das aves impregnadas directamente polo chapapote. As necroses hepática e renal practicadas exclusivamente en aves con fuel no tubo dixestivo confirma que ambos órganos son diana dos efectos tóxicos derivados da inxesta de fuel. Doutra banda, a identificación de nematodos Contracaecum rudolphii nalgúns álcidos e a ausencia de lesións severas relacionadas, indican que podería existir unha relación parásito hospedador incluso beneficiosa para as aves. Este traballo tamén posibilitou o estudo de doce elementos inorgánicos achados no fuel, que, aínda que presentaba niveis de vanadio moi elevados, a súa posterior concentración nas aves foi comparativamente inferior, posiblemente debido ás dificultades para a súa absorción por vía oral. A incidencia destes elementos químicos, salvo no caso do cromo, varía nas distintas especies, quizá por mor das diferenzas do seu comportamento etolóxico e alimentario. Así, os álcidos destacan por presentar altos niveis de arsénico e mercurio, mentres que as gaivotas amosan unha maior concentración de chumbo e vanadio. Os efectos da contaminación por fuel tamén muda en función dos sexos. Daquela, a concentración de cromo en araos é máis alta en machos que en femias, mentres que en alcas, as concentracións de vanadio foron sexo dependentes en favor das femias. Percy Arturo Rodríguez, entre os profesores Ana Bravo, Julia Melgar e Julián Alonso, que dirixiron a investigación