Pasar al contenido principal

Unha investigación sobre aves mortas polo vertido do Prestige aprecia contaminación antropoxénica nas aguas da costa galega

Percy Arturo Rodríguez, na defensa da súa tese de doutoramento na Facultade de Veterinaria
Percy Arturo Rodríguez, na defensa da súa tese de doutoramento na Facultade de Veterinaria
O veterinario Percy Arturo proba na súa tese de doutoramento que a inxestión voluntaria de cru espallado polo mar causou a morte de aves mariñas non ‘petroleadas’

Un estudo multidisciplinar sobre as posibles causas de morte de aves mariñas afectadas polo vertido do petroleiro ‘Prestige’, acaecido en novembro de 2002 fronte ás costas galegas, desenvolvido na Facultade de Veterinaria do campus lugués polo investigador peruano Percy Arturo Rodríguez Ledesma, aprecia a existencia de contaminación antropoxénica nas augas da costa galega nunha fase anterior á devandita catástrofe medioambiental.

A investigación que deu pé a tese de doutoramento de Percy Arturo Rodríguez, que leva por título 'Análise toxicolóxica e estudo histopatolóxico das aves mortas pola catástrofe do petroleiro 'Prestige', aborda o estudo da anatomía patolóxica das aves mortas e tamén a análise toxicolóxica dos seus órganos, para logo relacionar os distintos datos obtidos. Este minucioso proceso de estudo repetiuse cos 427 exemplares da seis especies de aves mariñas obxecto deste traballo: alcas, araos e frailecillos, que son aves mergulladoras da familia dos álcidos, gaivotas, cormoranes e alcatraces. O laborioso traballo de investigación feito por Percy Arturo Rodríguez e posteriormente recollido nunha tese de doutoramento, dirixida polos profesores da Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Ana Bravo del Moral, Julia Melgar Riol e Julián Alonso, e que mereceu a máxima cualificación de sobresaínte cum laude, permite non só estudar o impacto producido polos derrames de hidrocarburo, senón que tamén axuda a determinar a calidade da contorna na que habitan as especies analizadas. Entre os achados máis novos deste estudo pioneiro e multidisciplinar cómpre subliñar que o feito de que moitas aves non petroleadas inxeriran fuel desmonta a crenza de que estas aves comían o cru para limpar a súa plumaxe, ao tempo que apunta á mortalidade dun número de exemplares moito maior que o das aves impregnadas directamente polo chapapote. As necroses hepática e renal practicadas exclusivamente en aves con fuel no tubo dixestivo confirma que ambos órganos son diana dos efectos tóxicos derivados da inxesta de fuel. Doutra banda, a identificación de nematodos Contracaecum rudolphii nalgúns álcidos e a ausencia de lesións severas relacionadas, indican que podería existir unha relación parásito hospedador incluso beneficiosa para as aves. Este traballo tamén posibilitou o estudo de doce elementos inorgánicos achados no fuel, que, aínda que presentaba niveis de vanadio moi elevados, a súa posterior concentración nas aves foi comparativamente inferior, posiblemente debido ás dificultades para a súa absorción por vía oral. A incidencia destes elementos químicos, salvo no caso do cromo, varía nas distintas especies, quizá por mor das diferenzas do seu comportamento etolóxico e alimentario. Así, os álcidos destacan por presentar altos niveis de arsénico e mercurio, mentres que as gaivotas amosan unha maior concentración de chumbo e vanadio.

Os efectos da contaminación por fuel tamén muda en función dos sexos. Daquela, a concentración de cromo en araos é máis alta en machos que en femias, mentres que en alcas, as concentracións de vanadio foron sexo dependentes en favor das femias.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.10.2013.