Pasar al contenido principal

O presidente do Consello Asesor de Saúde da cidade de Bos Aires visitou a USC

De esquerda a dereita: Jorge Daniel Lemus, Juan Casares e Juan Gestal. Foto: Alfonso-Servimav
De esquerda a dereita: Jorge Daniel Lemus, Juan Casares e Juan Gestal. Foto: Alfonso-Servimav

O presidente do Consello Asesor de Saúde de Bos Aires e ex ministro de Saúde desa cidade autónoma, Jorge Daniel Lemus, visitou este luns a Universidade de Santiago. Nunha xuntanza co reitor en San Xerome coincidiron en optimizar o acordo existente entre a Universidade de Ciencias Empresariais e Sociais da capital arxentina e a USC para o intercambio de persoal que traballe en cuestións relacionadas coa saúde, fundamentalmente en postos de dirección. De feito, nestes momentos están a traballar na posta en marcha dun mestrado en servizos de saúde. Antes de reunirse con Juan Casares, Jorge Daniel Lemus coñeceu a Facultade de Medicina e Odontoloxía compostelá onde o recibiu o decano Juan Gestal, co que programou actividades conxuntas para este curso. Nesa visita á Facultade o epidemiólogo e sanitarista de orixe galego aproveitou para percorrer as instalacións, con especial atención ao laboratorio de habilidades e aulas de simulación médica básica e avanzada da Cátedra de Educación Médica. Catedrático de Saúde Pública das Universidades de Bos Aires, USAL e UCES, o profesor Lemus acadou recentemente o nomeamento ‘Mestre da Medicina’ que concede a prensa médica arxentina. Nestes momentos está elaborando un plan de saúde cara a 2015 para a cidade autónoma que se inspira nalgúns conceptos recollidos en plans sanitarios españois interesándolles especialmente a accesibilidade, a equidade e “un adecuado modelo de xestión que permita optimizar os recursos e a redución de gasto”. Lemus estivo acompañado por María Carmen Lucioni, docente da Cátedra de Saúde Pública da Facultade de Medicina da Universidade de Bos Aires e directora do Doutoramento en Saúde Pública.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.09.2013.