As metodoloxías de análise multicriterio de decisións complexas centran unha investigación na Politécnica
O enxeñeiro de Montes e investigador do grupo Unidade de Xestión Forestal Sostible (UXFS) da Escola Politécnica Superior de Lugo, integrado no Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC, Fernando Pérez Rodríguez, estuda na súa tese de doutoramento as metodoloxías de análise multicriterio que serven de soporte ás decisións complexas.
A investigación doutoral realizada por Pérez Rodríguez, baixo a dirección do catedrático da USC Alberto Rojo Alboreca, ao longo dos últimos anos e que se desenvolve baixo o título ‘O Método do Triángulo de Cualificacións (MTC ©): unha nova metodoloxía de apoio na toma de decisións complexas’, céntrase no na análise do Proceso Analítico Xerárquico ou AHP (Analytic Hierarchy Process) e na proposta dunha nova metodoloxía de toma de decisións multicriterio , denominada Método do Triángulo de Cualificacións (MTC ©), a través da que se pretende aproveitar as potencialidades do método AHP, ademais de resolver as súas limitacións. Os obxectivos da tese de doutoramento defendida este martes na Escola Politécnica de Lugo e na que se aborda de cheo a análise daquelas metodoloxías nas que interveñen varios criterios e alternativas, poderían estruturarse en ata cinco apartados diferentes. Así, neste traballo, Pérez Rodríguez estuda e describe as principais metodoloxías de análise multicriterio de apoio ás decisións complexas, ao tempo que establece unha clasificación das mesmas. A elaboración dun estudo da metodoloxía AHP, mediante unha análise DAFO, para determinar as súas vantaxes e limitacións, e o desenvolvemento dun software para a aplicación do método AHP, denominado MPC© (un software en español e competitivo a nivel de análise, cálculo e base de datos cos actualmente existentes de pago no mercado), e que pretende fomentar a investigación neste tipo de metodoloxías de análise multicriterio, especialmente na súa aplicación ao campo forestal, constitúen tres dos eixes nos que se asenta a tese de doutoramento de Fernando Pérez Rodríguez. Este egresado da Politécnica presenta tamén na súa tese de doutoramento unha nova metodoloxía de decisión multicriterio (MTC ©) que amplía as posibilidades do método AHP e minimiza as súas limitacións. As diferenzas entre as dúas metodoloxías de análise multicriterio antes citadas, AHP e MTC ©, quedan plasmadas na propia tese, que recolle os resultados da súa aplicación a un caso práctico relacionado coa xestión forestal. Tribunal da tese O tribunal encargado de avaliar a tese de doutoramento defendida este martes polo investigador Fernando Pérez Rodríguez estivo presidido polo catedrático da Universidade Politécnica de Madrid Luis Díaz Balteira, mentres que o tamén catedrático da USC Juan Gabriel Álvarez fixo as veces de secretario. María Pasalodos Tato, do Instituto Nacional de Investigacións Agroforestais (INIA); Joäo Bento, do Departamento Forestal da Universidade Tràs Os Montes e Alto Douro, e Ulises Diéguez, profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo completaron o tribunal desta tese de doutoramento, que será o xerme dunha nova spin-off que se vai crear nos vindeiros meses.