A programación estival do Museo Universitario A Domus do Mitreo continúa este sábado co obradoiro ‘Escavando na Domus’

A programación especial de verán do Museo Universitario A Domus do Mitreo continúa este sábado 13 de xullo, a partir das 11.30 horas, coa celebración do obradoiro didáctico para público familiar ‘Escavando na Domus’, unha actividade gratuíta e aberta á participación de maiores de 5 anos, a través das que as persoas participantes coñecerán de primeira man como é o traballo dos arqueólogos/as.
Os obxectivos que perseguen os promotores desta actividade, da que se celebrarán novas sesións os días 27 de xullo, 10, 24 e 31 de agosto, pasan por favorecer o achegamento á investigación científica no campo da arqueoloxía, mediante unha actividade educativa e lúdica no marco da que se desenvolverá unha escavación simulada. A participación neste obradoiro é de balde, previa inscrición no enderezo de correo electrónico mitreo.lugo [at] galipat.es (mitreo[dot]lugo[at]galipat[dot]es).
Alén desta actividades arredor da arqueoloxía, as programación estival do Museo Universitario da Domus do Mitreo inclúe tamén obradoiros gastronómicos pola antiga Roma. Así, baixo o título ‘Nos fogóns do Apicus’, esta actividade didáctica e orientada ao público familiar a partir de 7 anos de idade, permitirá aos participantes coñecer os praceres da mesa nos banquetes romanos.
Os obradoiros ‘Nos fogóns do Apicus’ comezaron o 6 de xullo e terán continuidade os sábados 20 de xullo e 3 e 17 de agosto de 2019. Esta actividade, de acceso libre previa reserva de praza no enderezo electrónico mitreo.lugo [at] galipat.es (mitreo[dot]lugo[at]galipat[dot]es), desenvolverase tamén en quenda de mañá, a partir das 11.30 horas. As persoas inscritas terán a oportunidade de viaxar e coñecer a cultura romana a través da gastronomía da época seguindo unha receita romana.
‘ Os Veráns na Domus’ ofrecen deste xeito ao público en xeral unha alternativa didáctica e lúdica de gozar das mañás dos sábados de xullo de agosto. As persoas interesadas en acadar máis información respecto destes obradoiros gratuítos poden solicitar máis información a través do enderezo electrónico antes citado. Asemade, estas accións compleméntanse coas visitas guiadas que xa se ofrecen no horario de apertura deste xacemento arqueolóxico de Lugo.