Pasar al contenido principal

O profesor Xoán Ramón Doldán García tomará posesión este venres como decano de Ciencias Económicas e Empresariais

O reitor Antonio López presidirá o acto protocolario
Santiago de Compostela

O reitor Antonio López presidirá este venres 12 o acto protocolario de toma de posesión do profesor Xoán Ramón Doldán García como novo decano da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais. A sesión comezará ás 13.30 horas no Salón de Graos da propia Facultade.

Xoán Ramón Doldán García é profesor no Departamento de Economía Aplicada. Ten sido director do Instituto Enerxético de Galicia (INEGA) entre 2005 e 2008; presidente do Comité Executivo da Plataforma Tecnolóxica Galega de Enerxía (ENERXE) entre 2007 e 2008, así como presidente do padroado da Fundación Sotavento Galicia entre 2005 e 2008 e do consello de administración de Sotavento Galicia SA no mesmo período. Ademais foi membro do consello de administración da Sociedade Enerxía de Galicia (ENGASA) de 2006 a 2008. Actualmente é vicepresidente da Asociación ‘ Véspera de nada. Por unha Galicia sen petróleo’, dedicada á información e divulgación da problemática do teito do petróleo. Foi co director do grupo de Economía pesqueira e recursos naturais da USC e actualmente é membro do de Economía ecolóxica e dos recursos naturais, tamén da USC.

Ademais de ex presidente da Asociación de Economía Ecolóxica en España é o coordinador do Centro de Saberes para a Sustentabilidade, un Regional Centre of Expertise (RCE) en educación para o desenvolvemento sustentable do RCE Network da United Nations University. As súas liñas de investigación son a economía ecolóxica, a dos recursos naturais e a da enerxía; o metabolismo socioeconómico, as contas do patrimonio natural ou o transporte sustentable.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.12.2019.