Pasar al contenido principal

Comezan a súa actividade catro cursos de verán en Santiago e un en Lugo

Toponimia, Big Data & Data Science, innovación e prácticas científicas, a mediación na actualidade e novas fronteiras na igualdade de oportunidade son os eixos temáticos dos cinco cursos de verán que comezan este martes 16 en Santiago e Lalín. O reitor Juan Casares presidirás ás 9.00 horas o acto de apertura de 'Toponimia: interpretación e actuación', nun acto na Facultade de Filosofía. A interpretación e a actuación na toponimia son cuestións non incluídas habitualmente nos currículos universitarios dos graos e que se converterán do 16 ao 19 de xullo nos argumentos centrais deste curso que se vai celebrar nas facultades de Filosofía e Filoloxía. Esta é unha acción formativa que, ademais, dará a coñecer a historia da conformación tiponímica do territorio, as implicacións da toponimia con outras disciplinas (xeografía, marco xurídico, arqueoloxía e paisaxe, antropoloxía ou literatura, entre outros) e tratará de incentivar a realización de actividades de recollida toponímica e de normalización lingüística. Expertos/as e investigadores/as das universidades de Santiago, Deusto, Heidelberg ou Vigo, da Real Academia Galega, da Asociación Galega de Onomástica ou do Instituto de Estudos Miñoranos serán os relatores do programa no que tamén se inclúen un obradoiro de interpretación etimolóxica e unha serie de sesións de introdución á metodoloxía á recollida de microtoponimia, práctica no terreo ou iniciación ao tratamento informático dos datos, entre outras cuestións. O programa estenderase ao longo dun total de 30 horas lectivas baixo a dirección de Ana Isabel Boullón. Big Data Tamén ás 9.00 horas, pero no Salón de Actos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría (ETSE), comeza o curso dedicado a Big Data & Data Science (BD & DS). Baixo a dirección de Tomás Fernández Pena e José Ramón Ríos Viqueira proponse repasar o BD & DS combinando as perspectivas científicas e tecnolóxicas e analizando o seu futuro e principais aplicacións. Dende a situación actual ata os principais dominios de aplicación, discutindo as complexidades e necesidades destes dominios, pasando polo impacto das tecnoloxías de BD & DS no futuro da economía e da sociedade. Ademais, especialistas de Yahoo!, Websays ou do CiTIUS, entre outros, presentarán as ferramentas mais estendidas de BD & DS como Hadoop, Cassandra, Lucene ou Weka. Prácticas científicas ‘Innovación e prácticas científicas na aula de ciencias’ é o curso que a profesora Blanca Puig Mauriz dirixe e que entre o 16 e o 19 de xullo en Santiago pretende traballar distintos aspectos da competencia científica como o uso de probas e a construción de argumentos ou a avaliación de modelos de indagación. A súa inauguración celebrarase igualmente este martes 16 ás 9.00 horas na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Norte. O seu programa trata de levar a cabo experiencias innovadoras no ensino de ciencias e actividades centradas no desenvolvemento das competencias científicas, á vez que se presentan materiais e estratexias ao profesorado de ciencias para crear ambientes que promovan o desenvolvemento das prácticas científicas. O curso contará coa participación de responsables da USC do proxecto KidsINNScience, que acaba de presentar as súas conclusións en Viena acerca do ensino de ciencias na educación secundaria. Igualdade de oportunidades O cuarto dos cursos que se inauguran este martes 16 comezarán ás 9.30 horas no Auditorio Municipal do Concello de Lalín e leva por título 'IX Novas fronteiras na igualdade de oportunidades 2.0: a escola da comunicación igualitaria'. O seu fin será promover a participación e integración entre escola e comunidade para detectar os problemas educativos e sociais que os afectan e achegar alternativas de solucións ao tempo que se facilita o encontro de profesionais dos distintos ámbitos de intervención relacionados coa igualdade de oportunidades. Mediación O curso ‘A mediación de actualidade: mediación en asuntos civís e mercantís e mediación penal’ comezará nun acto que preside o reitor Juan Casares ás 10.00 horas na Aula 1 da Facultade de Dereito. A aprobación da Lei 5/2012 de mediación en asuntos civís e mercantís está chamada a desenvolver un papel salientable non só pola aposta por un método alternativo de resolución de conflitos –a mediación– senón porque o seu obxecto, centrado en asuntos civís e mercantís, atopa na actual crise económica un terreo fértil para un próspero desenvolvemento. O curso tentará resolver as dúbidas sobre como se acometerán as mudanzas dende o punto de vista técnico-xurídico e as conseguintes repercusións no eido xurídico non só desa mediación senón tamén da penal, que presentan aspectos temáticos actuais e polémicos. A desenvolver na facultade compostelá de Dereito, o programa contempla relatorios de especialistas en psicoloxía, mediación e dereito procesual e penal ademais de maxistrados e o conselleiro de Xustiza da Junta de Andalucía.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 15.07.2013.