Pasar al contenido principal

Un curso da USC aborda en xullo a fiscalidade do fútbol e os réximes laborais e mercantís dos futbolistas

Un curso de verán da Universidade de Santiago de Compostela abordará os vindeiros días 18 e 19 de xullo, no salón de actos da Facultade de Dereito, diversas cuestións ligadas coa fiscalidade do fútbol e con outras cuestións máis xenéricas que afectan ao réxime laboral e mercantil dos xogadores profesionais.

Este seminario monográfico sobre o fisco no fútbol, dirixido por César García Novoa e Soraya Rodríguez Losada, está estruturado en 15 horas lectivas e contempla a celebración de catro mesas redondas, ademais dun relatorio de clausura a cargo do Secretario de Estado do Deporte, Miguel Cardenal Carro, que falará do futuro do réxime xurídico do fútbol en España. O curso ‘Fiscalidade do fútbol’ comezará cunha mesa redonda de debate e análise de cuestións do réxime laboral e mercantil dos futbolistas, que estará moderada polo catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC, César García, e na que intervirán como relatores un ex directivo do Real Madrid, o director da asesoría xurídica da Asociación de Futbolistas de España e unha profesora de Dereito do Traballo da USC. A fisco no fútbol no dereito interno e internacional será o eixo temático da segunda mesa redonda deste foro, que contará como relatores con tres catedráticos e especialistas en dereito financeiro e tributario. As cuestións fiscais dos clubs de fútbol e das sociedades anónimas deportivas centrarán o debate da última das mesas redondas previstas na primeira xornada deste curso.

Os concursos de acredores no mundo do fútbol profesional e a futura problemática que xa se comeza a ver no mundo do fútbol en relación co réxime xurídico do fútbol profesional e especialmente coa fiscalidade son outras das cuestións que se debaterán no marco deste curso de verán da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2013.