Pasar al contenido principal

A área de Toxicoloxía da Facultade de Veterinaria e o Cetal reciben un premio no XII Congreso Español de Saúde Ambiental

Fungos nun monte galego
Fungos nun monte galego
Os investigadores lugueses recibiron o galardón por unha comunicación oral sobre a presenza de arsénico en fungos comestibles de Galicia e a súa repercusión alimentaria

Investigadores da área de Toxicoloxía da Facultade de Veterinaria da Universidade de Santiago de Compostela e do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo (Cetal) veñen de recibir o segundo premio á mellor comunicación oral dun traballo de investigación no XII Congreso Español de Saúde Ambiental, organizado pola Sociedade Española de Sanidade Animal e que se celebrou en Granada do 12 ao 14 de xuño.

A comunicación oral premiada, que se desenvolve baixo o título ‘Presenza do arsénico en distintas matrices de fungos comestibles e substratos de crecemento en Galicia. Repercusións alimentarias’, foi presentada en Granada polo coordinador do proxecto Aproveitamentos micolóxicos de Galicia (Amiga), Julián Alonso, que tamén participou na elaboración deste traballo xunto coas profesoras da Universidade de Santiago Julia Melgar Riol e María Ángeles García Fernández, así como con M. Corral Álvarez, do Centro Tecnolóxico Agroalimentario de Lugo. O interese da achega científica presentada polos investigadores lugueses no marco do XII Congreso Español de Saúde Ambiental celebrado en Granada fíxoa merecedora do segundo premio na categoría de comunicacións orais, á que diversos grupos de investigación de España e de países latinoamericanos como México, Brasil, Colombia ou Arxentina, presentaron un total de 69 propostas. O proxecto Amiga desenvolve diversas liñas de traballo no sector micolóxico (formación, estudo e desenvolvemento de modelos de xestión dos aproveitamentos micolóxicos, caracterización analítica e alimentaria dos produtos micolóxicos), froito das que se están a obter múltiples resultados e unha relevante produción científica, segundo relata o seu coordinador. Julián Alonso precisa que do estudo sobre a presenza de máis de 30 micro e macro elementos en fungos de Galicia que se está a facer ao abeiro do proxecto Amiga, no congreso celebrado en Granada déronse a coñecer os resultados referidos ao arsénico, valorando a súa presenza nas principais especies silvestres e cultivadas comestibles, así como nos distintos terreos e no compost, ademais de analizar os factores que afectan á súa captación e as posibles repercusións alimentarias. Respecto da presenza de arsénico nos fungos de Galicia, Julián Alonso salientou que o máis relevante e tranquilizador para o consumidor é a boa saúde e a boa calidade alimentaria dos recursos micolóxicos orixinarios de Galicia no que atinxe á presenza de elementos de traza e contaminantes. As óptimas características alimentarias dos fungos galegos contrastan, por exemplo, coas advertidas nos recursos micolóxicos procedentes da rexión centroeuropea, afirma Alonso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2013.