Pasar al contenido principal

Un obradoiro analiza os últimos avances na utilización de nanopartículas magnéticas para o tratamento do cancro

David Serantes, na sesión de apertura do encontro, é un dos coordinadores do encontro. Foto: Servimav-USC
David Serantes, na sesión de apertura do encontro, é un dos coordinadores do encontro. Foto: Servimav-USC
Froito da colaboración entre a USC e a Universidade de York, o encontro analiza a situación actual da investigación neste ámbito e posibles liñas de traballo futuro
Santiago de Compostela

O uso de nanopartículas magnéticas para o tratamento do cancro, a chamada hipertermia magnética, foi obxecto de debate este luns na USC no transcurso dun obradoiro no que se analizou os retos de futuros así como as posibilidades que achega no tratamento do cancro. Froito da colaboración entre a USC e a Universidade de York, o encontro analiza a situación actual da investigación neste ámbito e posibles liñas de traballo futuro.

O evento desenvólvese na Facultade de Óptica baixo o lema ‘Nanopartículas magnéticas para hipertermia: retos e oportunidades’ e coa participación de investigadores de distintos países dando continuidade á primeira edición celebrada en 2017 co gallo dun proxecto da Royal Society entre a USC e a Universidade de York.

Neste segunda edición, o programa estivo centrado nos retos máis importantes así como posibles oportunidades relacionadas coa hipertermia magnética con particular atención á súa comprensión teórica, a identificación da propiedade das partículas ou outros posibles usos biomédicos. O programa estaba organizado de xeito conxunto polo investigador posdoutoral I2C, David Serantes, e o catedrático e director do Instituto de Investigacións Tecnolóxicas da USC, Daniel Baldomir, xunto co profesor Roy Chantrell, director do grupo Computational Magnetism da Universidade de York. Este evento conta co financiamento da Agrupación Estratéxica de Materiais (AEMAT) e polo Laboratorio de Sistemas (LABSIS), ambos da USC.

A sesión celebrouse na Facultade de Óptica. Foto: Servimav-USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.12.2019.