Pasar al contenido principal

Recollen nun volume os resultados do estudo da arte parietal de Cova Eirós

Recollen nun volume os resultados do estudo da arte parietal de Cova Eirós
Recollen nun volume os resultados do estudo da arte parietal de Cova Eirós
Para os investigadores, “os descubrimentos nesta cova son a primeira evidencia dun santuario paleolítico en Galicia”

O descubrimento en setembro de 2011 de varias manifestacións rupestres, gravadas e pintadas, no interior da Cova Eirós (Triacastela, Lugo) por investigadores da USC supón o primeiro achado de arte rupestre Paleolítico no NW peninsular, cubrindo así un dos principais baleiros que existía na investigación paleolítica en Galicia. Os resultados do estudo preliminar aparecen agora recollidos no libro Cova Eirós. Primeras evidencias de arte rupestre Paleolítico en el Noroeste Peninsular, do que son editores Ramón Fábregas e Arturo de Lombera. Nel conclúen que os descubrimentos nesta cova son a primeira evidencia dun santuario paleolítico en Galicia, “unha área ata agora completamente allea ao coñecemento da arte rupestre peninsular” pero que abre a porta a novos achados non só en Galicia senón tamén en abrigos rochosos equiparables aos do interior da Península. Trátase de dar a coñecer unha investigación que, a pesar do dispar estado de conservación do estudado, permite achegar o lector ao mundo simbólico dos grupos de cazadores recolectores que habitaron o noroeste peninsular hai tal vez uns 20.000 anos. Porque, como explican os autores, se ben as numerosas escavacións realizadas en Galicia permiten ter un coñecemento sólido sobre a cultura material dos grupos do paleolítico superior, “no rexistro galego non existían evidencias sobre a súa esfera simbólico-relixiosa agora recollidas”. Ata a data, e a pesar do mal estado de conservación das imaxes debido en moitos casos á intervención humana, son 84 as unidades gráficas catalogadas, repartidas en once paneis. A metade dos motivos correspóndese con elementos pintados, seguido dos gravados (46,4%) e o uso de releves ou realces naturais da roca. Maior colaboración A pesar do achado e das investigacións, os investigadores lamentan a escasa atención prestada polas institucións á investigación neste período. Esa falla de esforzo sistemático e orientado arqueoloxicamente á busca destas evidencias polas cavernas galegas “fai que non se poidan descartar a aparición de novas evidencias en covas inexploradas ou xa coñecidas, especialmente no referido a motivos menos perceptibles como gravados ou pinturas erosionadas”, apuntan. A publicación presentouse este xoves na Facultade de Xeografía e Historia nun acto no que ademais dos autores participaron o reitor da USC, Juan Casares; a vicedecana de Asuntos Académicos da Facultade, Pilar Rodríguez Álvarez; a directora do Departamento de Historia I, Raquel Casal García; a alcaldesa de Triacastela: Olga Iglesias; e a representante de Andavira Editora Lucila Ventoso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.06.2013.