Xa está dispoñible o bUSCatermos para Android
A aplicación que permite a consulta de bUSCatermos desde móbiles e tablets que usen Android xa se pode descargar dende este xoves en Google Play. Pódese instalar desde este enderezo ou buscala directamente desde o propio dispositivo en que se quere instalar. Deste xeito, amplíanse as posibilidades de consulta de bUSCatermos en dispositivos móbiles, xa que o pasado marzo se presentaba a aplicación para sistemas operativos iOS (iPhone e iPad) As persoas que descargen a aplicación terán acceso nos seus dispositivos móbiles a unha base de datos que compila información sobre máis de 150.000 conceptos das áreas especializadas máis diversas (ciencias da saúde, dereito, botánica, zooloxía, educación, historia, xeografía…). Para cada un deles recóllense as denominacións máis habituais en galego e –na maioría dos casos–, tamén as empregadas nas linguas do contorno máis inmediato (fundamentalmente, castelán, inglés e portugués). A suma de todas estas formas lingüísticas supera as 450.000, o que converte bUSCatermos no recurso lexicográfico máis amplo existente para a lingua galega. Os contidos do bUSCatermos elaboráronse a partir da compilación, tratamento e reelaboración de dicionarios, glosarios e vocabularios técnicos que teñen o galego entre as súas linguas de traballo, así como das propostas terminolóxicas elaboradas polo SNL para darlle resposta a dúbidas concretas. A base atópase plenamente operativa para aparellos móbiles de modo que a nova aplicación ofrece toda a información que xa era accesible vía web. bUSCatermos é unha ferramenta de utilidade para todas as persoas que pretenden empregar o galego como lingua de comunicación en temáticas especializadas, mantendo a calidade e a precisión esenciais para este tipo de comunicación. A súa utilidade é especialmente significativa para docentes das diversas disciplinas, profesionais da mediación lingüística e para os da comunicación.