Pasar al contenido principal

Ciencia en Acción premia o labor de divulgación científica do profesor da USC Jose Edelstein

José Edelstein, á dereita, con Andrés Gomberoff
José Edelstein, á dereita, con Andrés Gomberoff

O profesor da Facultade de Física da USC Jose Edelstein acaba de recibir un dos premios do concurso internacional Ciencia en Acción, concretamente na modalidade ‘Traballos de divulgación científica. Método científico e pensamento crítico’. O xurado concedeulle a mención de honra á serie de artigos divulgativos presentados na revista Qué Pasa (‘ El eclipse y la mariposa’ e ‘ Nada fascinante’) asinados por el e o profesor chileno Andrés Gomberoff dos que destacan “a súa capacidade de achegar temas de actualidade da física moderna dun xeito atractivo e ameno, sen perder o rigor científico”. En El eclipse y la mariposa pregúntanse por qué se é posible predicir con exactitude o próximo eclipse solar en Chile non se pode asegurar se unha nube deixará observar o fenómeno. No outro artigo tentan explicar qué queremos dicir cando dicimos ‘nada’, “para moitos, a pregunta máis importante da ciencia”, aseguran. A pesar da distancia Edelstein e Gomberoff, actualmente vicerreitor de investigación e doutoramento da Universidade Andrés Bello de Santiago de Chile, colaboran dende hai anos na elaboración de traballos de divulgación científica colleitando numerosos recoñecementos. Así, o CPAN premiounos en 2010 polo artigo ‘Antimateria, maxia e poesía’ –recoñecido tamén en 2012 no certame de comunicación científica da FECyT– e un ano máis tarde por ‘Ópera do neutrino en dous actos’. Ciencia en Acción A iniciativa Ciencia en Acción, que xa vai pola décimo cuarta edición, pretende aproximar a ciencia e a tecnoloxía ao gran público dunha maneira dinámica, fácil e amena. Convocada polo CSIC, o Instituto de Ciencias Matemáticas, a Real Sociedade Española de Física, a Sociedade Xeológica de España e a Uned, a final do certame terá lugar do 4 ao 6 de outubro en Bilbao.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.07.2013.