Pasar al contenido principal

Comezou a programación da Universidade de Verán 2013

O reitor presidiu en Química a inauguración do segundo curso de divulgación ‘Química, a ciencia que envolve a nosas vidas’

O reitor Juan Casares abriu a programación da Universidade de Verán 2013 presidindo na Facultade de Química a sesión inaugural do II Curso de divulgación ‘Química, a ciencia que envolve as nosas vidas’. Ademais, este mesmo luns iniciaron a súa actividades outros tres cursos máis: ‘ LaTeX: documentos académicos e presentacións’, un Curso de Educación a Voz e, no Campus de Lugo, ‘ Literatura científica: da redacción á publicación’. Nesta sesión, o reitor subliñou a importancia da Química como unha ciencia implicada en todos os aspectos da vida, aspecto representado no programa do curso na diversidade de contidos tratados. Tamén destacou Casares a calidade dos relatores, sinalando á súa pertenza á USC, onde se realiza “ unha investigación de altísima calidade, nun campo no que a USC é universidade de referencia”. Pola súa banda, as coordinadoras deste curso, as profesoras Carmen García Jares e Pilar Bermejo, explicaron que se teñen superado as expectativas de matriculación da edición anterior, con asistentes procedentes de diversos campos científicos. Na mesma sesión, o decano da Facultade de Química, Ramón J. Estévez, resaltou a importancia da Química e da súa divulgación á sociedade, poñendo como exemplo a súa presenza en múltiples produtos e “compostos que hoxe forman parte de noso contorno, por exemplo, moitos medicamentos”. Na quenda de intervencións que conforma o programa exporanse aplicacións de máxima actualidade da Química nos campos da saúde, a alimentación, na investigación forense e criminalística, no medio ambiente e incluso no propio contorno doméstico, entre outros. No desenvolvemento do curso, utilizarase un enfoque divulgativo asequible tanto a estudantes de Química e ciencias afíns, como a profesores en ensino medio e a público interesado en xeral. Deste xeito, se inclúen dúas mesas redondas sobre avances no uso de novos materiais e na química dos alimentos, respectivamente e outra sobre riscos asociados á contaminación química do contorno, así como diversos relatorios que porán a atención sobre cuestións como a análise de drogas, estrutura química e propiedades extraordinarias da auga, envases activos e intelixentes ou factores de calidade do mel. Ademais, está previsto un obradoiro sobre os logros e retos da Química nas primeiras décadas do século XXI e dúas visitas didácticas, á refinería de Repsol na Coruña e á sede da asociación de apicultores de Galicia para coñecer o proceso completo de elaboración do mel. LaTeX No curso ‘LaTeX: documentos académicos e presentacións’ ás persoas matriculadas realizarán prácticas para a elaboración de documentos de calidade tipográfica profesional, como artigos, libros ou traballos académicos, transcribindo textos de diferentes ramas de coñecemento conforme ás posibilidades de representación de símbolos nas distintas áreas de coñecemento. Esta nova edición do curso incluído na programación de verán da USC, incide ademais no manexo de gráficos para a composición de materiais diversos empregando unha ferramenta estable e multiplataforma que xera documentos con calidade tipográfica profesional e totalmente gratuíta, como é LaTeX. As sesión celebraranse entre os días 3 e 7 de xuño na Aula Magna, no Salón de Graos e nas Aulas de Informática da Facultade de Matemáticas baixo a dirección de Rosana Rodríguez e cun límite máximo de 60 prazas. Educación da voz A Universidade de Verán inclúe na súa programación de 2013 un curso teórico e práctico que aborda a voz dende unha perspectiva global e cuxa inauguración se celebra este luns ás 18.00 horas no Paraninfo da Universidade. En cada sesión, a modo de introdución teórica, exporanse diferentes temas que van dende a anatomía ata a voz profesional, pasando por aspectos técnicos e de hixiene vocal. A continuación, pasarase a parte práctica que ocupará a maior parte da sesión, onde se traballará de forma dinámica e amena a técnica vocal, dende o punto de vista corporal, vocal propiamente dito e terapéutico. O curso celebrarase do día 3 ao 6, do 10 ao 13 e os días 17 e 18 de xuño no Paraninfo da Universidade na Facultade de Xeografía e Historia baixo a dirección de Pablo García, profesor de técnica vocal, rehabilitador e formador en foniatría e educación da voz que se encargará de impartir as distintas xornadas. As sesións celebrarase de 18.00 a 21.00 horas. Literatura científica A Facultade de Veterinaria e a Biblioteca Intercentros do campus de Lugo acollerán desde este luns ata o 7 de xuño o curso ‘Literatura científica: da redacción á publicación’, un programa formativo dirixido a estudantes de máster e doutoramento, a través do que se pretende dar a coñecer os sistema de publicación científica aos futuros investigadores para facilitar o proceso de publicación e o conseguinte aumento do número de artigos aceptados. A necesidade da publicación do coñecemento científico, as etapas e a ética do proceso, así como a estrutura dos artigos e os erros típicos que causan a non aceptación destes traballos, centran este luns 3 de xuño, a temática dos relatorios do propio Manuel Vázquez na apertura deste seminario estival, unha xornada que rematará cun taller de busca de información na WOK, dirixido por César Gómez.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.06.2013.