Pasar al contenido principal

Biodiversidade Ameazada, un instrumento de traballo contra a degradación do patrimonio natural de Galicia e o Norte de Portugal

De dereita a esquerda, Miguel Serrano, Álvaro Gómez e Santiago Ortiz
De dereita a esquerda, Miguel Serrano, Álvaro Gómez e Santiago Ortiz
A propia cidadanía poderá publicar datos sobre especies que considere de interese previa validación polo grupo de especialistas

Un equipo multinacional liderado polo Departamento de Botánica da USC é o responsable da posta en marcha da plataforma www.biodiversidade.eu, unha ferramenta de traballo contra a degradación dos hábitats naturais de Galicia e o Norte de Portugal formulada como un espazo colaborativo de referencia para o seu coñecemento e a xestión horizontal por parte da cidadanía. Este espazo web presentáronllo este xoves aos medios de comunicación os membros do Departamento de Botánica Santiago Ortiz e Miguel Serrano, eÁlvaro Gómez Andrade, da Navalla Suiza, empresa encargada da realización do espazo web. Pola tarde haberá outra presentación, con carácter formativo, a significados representantes do asociacionismo ambientalista e naturalista galego, considerados como destinatarios principais. O portal, cuxa xénese está no proxecto Biodiversidade Vexetal Ameazada Galicia-Norte de Portugal (Biodiv_GNP) financiado con fondos de cooperación territorial europeos, posúe ata o momento 16.963 rexistros xeográficos, que abranguen a totalidade do coñecemento actual sobre a flora ameazada do noroeste ibérico e un volume moi importante da endémica e subendémica, mais ten o obxectivo de atinxir todos os grupos taxonómicos. Ferramentas inéditas Para o equipo investigador, o fundamental é que www.biodiversidade.eu pon a disposición da cidadanía ferramentas inéditas, tanto para particulares como para colectivos, permitindo saber cales son os valores naturais, ameazas e iniciativas de conservación que se localizan na súa área de interese. A calidade da información está garantida por protocolos de revisión por especialistas, “colocando o ámbito académico ao servizo da sociedade e tentando dotar de ferramentas à sociedade civil para a defensa da natureza”, argumentan. A plataforma permite a consulta directa de especies, observacións e ameazas por área xeográfica e inclúe un sistema de comparación de imaxes de especies e unha aplicación web para móbiles con ferramentas para o traballo de campo, ademais dun catálogo de rotas e espazos xeolocalizados e relacionados automaticamente co catálogo de especies. Por outra banda, o traballo colaborativo foméntase dende diversos blogs que alberga a propia páxina para grupos de traballo relacionados coa diversidade. Ten tamén unha area formativa e de unidades didácticas sobre a biodiversidade de uso público. O proxecto Biodiv_GNP Á marxe da plataforma web, as investigacións de Biodiv_GNP derivaron noutros proxectos de relevancia como un libro vermello de flora ameazada, a elaboración de plans de conservación para esas especies, un protocolo de seguimento para a gardería ambiental ou diverso material educativo e divulgativo de concienciación medioambiental.

Coa Universidade de Santiago, no proxecto participan a Facultade de Ciencias da Universidade de Porto, a Fundación Centro de Estudos Eurorrexionais Galicia-Norte de Portugal, a Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Xunta de Galicia e a Fundação Fernão Magalhães para o Desenvolvimento.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2013.