O investigador da UNAV Luis Prieto abre o martes o curso ‘Nutrixenómica e Nutrixenética: A alimentación do futuro?’
O investigador da Universidade de Navarra (UNAV) Luis Prieto Hontoria abrirá este martes, día 4 de xuño, a partir das 9.00 horas, no salón de actos da Facultade de Ciencias, o curso de verán da USC ‘Nutrixenómica e nutrixenética: A alimentación do futuro?’, cun relatorio no que abordará algunhas das claves que rodean estas disciplinas científicas.
Este seminario estival da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo director do Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control dos Alimentos (Lhica), Alberto Cepeda, e polo responsable de calidade deste laboratorio da USC, Carlos Franco Abuín, busca facilitar unha actualización no coñecemento acerca das novas tendencias en alimentación humana e sobre a influencia da xenética nas terapias relacionadas coa alimentación. Outro dos obxectivos deste curso de verán, que terá continuidade durante a xornada do mércores 5 de xuño, é promover a colaboración entre os grupos investigadores do campus de Lugo que traballan na área de Ciencia e Tecnoloxía dos Alimentos e a Nutrición con investigadores de prestixio, especialmente pertencentes á area da medicina, da alimentación e do Centro Superior de Investigacións Científicas, que participarán nas xornadas coma relatores. A paisaxe do xenoma humano, a relación da alimentación e os xenes co deporte, as últimas tendencias da alimentación nos deportistas, a regulación dos alimentos adaptados, a interacción nutrinte-xen e o cometido do ácido lipódico serán algúns dos temas sobre os que versarán os relatorios programados para a primeira xornada deste curso de verán, que se prolongará tamén en horario de tarde. A investigadora do Instituto de Investigacións Mariñas Mónica Carrera Mouriño abrirá o mércores a quenda de relatorios deste foro cunha charla sobre nutriproteómica. A regulación da inxesta centrará a intervención neste foro do catedrático da USC Carlos Diéguez, mentres que Marta Martí, de Laboratorios Diafarm, falará sobre o futuro das dietas a base de proteínas.
A relación entre os alimentos funcionais e a saúde e o cometido da nutrixenómica na prevención das enfermidades serán outras das cuestións abordadas nos dous últimos relatorios deste seminario, que conta con 34 persoas inscritas.