Pasar al contenido principal

Comeza en Ciencias da Comunicación un curso sobre a situación de cambio no ámbito das industrias culturais, creativas e da comunicación a través dos novos modelos de negocio

A Universidade de Verán abordará a situación de cambio que se está a producir no ámbito das industrias culturais, creativas e da comunicación a través dos novos modelos de negocio e financiamento que impoñen as tecnoloxías abrindo novas oportunidades e perfís de negocio para as empresas e os profesionais. Este é o ámbito temático do curso ‘Novos modelos de creación e financiamento de proxectos de comunicación e cultura. Alternativas para emprendedores e innovadores’ , que dirixe o profesor Francisco Campos entre os días 10 e 14 de xuño na Facultade de Ciencias da Comunicación. A inauguración celebrarase o vindeiro luns 10 nun acto ás 10.00 horas para dar paso deseguido a primeira das conferencias do programa, impartida polo subdirector do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), Norberto Pena, sobre ‘Novos perfís profesionais emerxentes e modelos de xestión e financiamento para a posta en marcha de proxectos de comunicación e da industria cultural’. Seguiralle Andrés Mazaira, emprendedor, consultor e profesor da Universidade de Vigo, que se referirá ao ‘Emprendemento e mercadotecnia 2.0 en Galicia. Creatividade e innovación para proxectos culturais, audiovisuais e redes sociais’. Pola tarde, a partir das 16.00 horas, está previsto que a investigadora do grupo Novos Medios Mónica López, fale sobre modelos e funcionamento do crowfunding audiovisual e cultural. Pechará esta primeira xornada un obradoiro sobre creatividade e emprendemento de novos proxectos musicais e audiovisuais. Outros contidos Haberá sesións sobre os novos modelos de negocio da música, do libro electrónico, da prensa dixital de pago, do vídeo e a TV en liña, videoxogos, das aplicacións para móbiles e tablets, os cambios na publicidade, os sistemas de financiamento, crowfunding, redes sociais e contidos para a Web 2.0 e 3.0. O obxectivo é abrir novas fiestras de coñecemento e experiencias sobre as oportunidades de negocio e profesionais que presenta nas industrias culturais, da comunicación e creativas para emprendedores, creadores e innovadores.

Para acadar máis información sobre o programa deste curso, as persoas interesadas poden atopar máis información na web da Área de Cultura ou na do grupo novosmedios.org.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2013.