Pasar al contenido principal

A Universidade de Granada inviste ao profesor Alfonso Castiñeiras como honoris causa

A Universidade de Granada inviste ao profesor Alfonso Castiñeiras como honoris causa
A Universidade de Granada inviste ao profesor Alfonso Castiñeiras como honoris causa

En recoñecemento á súa traxectoria científica e á súa consolidada colaboración investigadora desde hai máis de 20 anos, a Universidade de Granada investiu este venres 7 como doutor honoris causa ao profesor da USC Alfonso Castiñeiras. A investidura celebrouse nun acto protocolario no Cruceiro do Hospital Real de Granada no que tamén foron investidos James Casey e Mª Ángeles Durán Heras. Os versos de ‘Chove en Santiago’ de Federico García Lorca puxeron o punto de inicio para o discurso pronunciado polo profesor Alfonso Castiñeiras, quen se definiu como un “eslavón máis nesa cadea de conexión” entre as universidades de Santiago e Granada, o que lle deu pé a relatar múltiples nexos entre ambas institucións e as súas respectivas cidades. Na súa alocución, Castiñeiras lamentou a situación do sistema de investigación en España, “os alicerces do sistema español de I+D+i tambaléanse e o futuro investigador é pouco alentador, sobre todo, se se ten en conta que a contribución do sector privado ao gasto total en I+D está tamén descendendo nos últimos anos”. Na súa opinión, administración e universidades teñen a obriga de fomentar unha investigación excelente independentemente da súa potencial aplicación e denuncia que “ a administración está afogando a investigación, con recortes drásticos no seu financiamento, paralizando deste modo os programas que se viñan executando”. Respecto da Universidade, Alfonso Castiñeiras apela porque esta sexa “o lugar idóneo para a investigación básica e debe apoiala sen límites”. Engadiu ademais que “a liberdade de investigación ten que conservarse plenamente porque cando non existe, está en perigo a súa calidade e consecuentemente tamén o prestixio da universidade”. Alfonso Castiñeiras Catedrático dende 1991, Alfonso Castiñeiras ten publicados preto de medio millar de traballos de investigación e figura no posto 131 da relacións dos 409 autores que se citan con máis de 500 entradas na Cambridge Structural Database. Ademais figura no sétimo posto da relación dos máis importantes investigadores de Galicia, sendo o primeiro da especialidade de Química Inorgánica, e no trixésimo sexto dos investigadores de Química Inorgánica residentes en España. As súas principais liñas de investigación están relacionadas con proxectos arredor da química supramolecular, enxeñaría cristalina e recoñecemento molecular; a análise estrutural por difracción de raios X de cristais únicos; o estudo das propiedades magnéticas, ópticas e de actividade nucleasa de sistemas metálicos con moléculas de interese farmacolóxico; ou sobre síntese e caracterización estrutural de clústeres de Cu(I), Ag(I) e Au(I) e estudo das súas propiedades luminiscentes e da súa actividade citotóxica, entre outras cuestións. O profesor Alfonso Castiñeiras realizou numerosas estadías de investigación no Institut für Anorganische Chemie da Univertidade de Tübingen, no Department für Chemie der Technische da Universidade de Múnich e no Institut für Chemie und Biochemie da Universidade Libre de Berlín (2001). Dirixiu unha ducia de teses de doutoramento e 21 proxectos de investigación. Ademais é editor de ‘USC Editora’ con competencia na área de Química, membro do consello editorial de Polyhedron, International Journal of Inorganic Chemistry e Journal of Materials, así como do International Advisory Board de Zeitschrift für anorganische und allgemeine Chemie. É avaliador científico de diversos organismos nacionais e internacionais e de más de 30 revistas científicas internacionais de alto índice de impacto nos campos da súa especialidade.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 07.06.2013.