Pasar al contenido principal

Unha investigación realizada na USC, mellor tese en Física de Partículas Experimental de 2018 para a Real Sociedade Española de Física

De esquerda a dereita, Manuel Asorey Carballeira, Antonio Dobado González, Julián García Pardiñas e José Adolfo de Azcárraga Feliu
De esquerda a dereita, Manuel Asorey Carballeira, Antonio Dobado González, Julián García Pardiñas e José Adolfo de Azcárraga Feliu
A investigación doutoral realizada polo vilalbés Julián García Pardiñas e dirixida por Máximo Pló e Juan José Saborido aborda a análise do sabor dos mesóns B co LHCb

A tese de doutoramento realizada no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (Igfae) da USC polo investigador vilalbés Julián García Pardiñas baixo a dirección dos profesores Máximo Pló e Juan José Saborido, vén de acadar o I Premio División de Física Teórica e de Partículas (DFTP) da Real Sociedade Española de Física (RSFE) na modalidade de mellor tese en Física Experimental, un galardón que distingue os traballos de investigación de doutoramento máis sobresaíntes defendidos nas universidades españolas durante 2018.

O Modelo Estándar (ME) da Física de Partículas é a teoría que mellor explica como actúan entre si as partículas que forman a materia, gobernadas polas forzas elementais da natureza: forza nuclear débil, forza nuclear forte e electromagnetismo. Con todo, o ME deixa cuestións importantes sen resolver. Un dos interrogantes é a chamada estrutura de sabor, unha propiedade dos fermiones -quarks e leptóns- que determina a súa organización en tres familias e como se relacionan. Varios modelos de Nova Física (NF) predín modificacións na estrutura de sabor e desviacións respecto do esperado en certos procesos subatómicos.

A tese de doutoramento desenvolvida por Julián García Pardiñas busca precisamente poñer a proba esta propiedade utilizando medidas do experimento LHCb do CERN, onde chocan protóns a velocidades próximas á da luz, para observar o decaemento de mesóns B e atopar esa nova física capaz de dar as respostas que faltan, por exemplo, sobre a asimetría observada entre materia e antimateria.

Os retos principais da investigación foron realizar con éxito un novo tipo de medida moi complexa, ademais de levar a cabo dúas análises moi diferentes. No resultado da primeira análise, relacionado coa devandita asimetría entre materia e antimateria, non se atoparon desviacións significativas respecto das do Modelo Estándar, pero desenvolvéronse novas ferramentas -como o procesamento dos datos en tarxetas gráficas GPUs- que serán utilizadas para futuras análises do LHCb.

Respecto da segunda análise, centrada nas chamadas anomalías de sabor entre tauóns e muóns, sentouse a base para este tipo de medida, conseguíronse resultados preliminares e deseñouse o plan para realizar a medida final no futuro. Na actualidade, Julián é investigador posdoutoral na Universidade de Zürich grazas a unha colaboración iniciada durante esta etapa.

García Pardiñas vén de recoller este galardón no marco da XXXVIII Reunión Bienal da RSEF, unha cerimonia durante a que o presidente da DFTP, Antonio Dobado González, e o presidente de RSEF, José Adolfo de Azcárraga Feliu, encomiaron a calidade do traballo presentado por este mozo investigador e salientaron que este novo premio pretende ser un aliciente de calidade para o alumnado de doutoramento deste campo.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 30.12.2019.