A Universidade de Verán reflexionará en Filosofía sobre o significado do corpo
Do 29 de xullo ao 1 de agosto, a Universidade de Verán desenvolve o curso ‘O corpo a debate: diversidade nos mecanismos, prácticas e avatares da corporalidade como inscrición social’. O seu obxectivo é “promover a creación dun espazo de reflexión radical arredor do que supón ter ou ser corpo, vivir a través dun corpo, sentir a partir dun corpo e falar dun corpo”, sinalan os seus promotores. Cunha carga lectiva de 32 horas, o curso proporcionará as ferramentas para repensar a corporalidade nun diálogo interdisciplinario entre a ciencia contemporánea, a filosofía de vangarda e a arte como orbe autónomo, ademais de indagar nos mecanismos de deconstrución das identidades a través do corpo e de analizar a potencialidade do corpo como vehículo artístico de primeira magnitude. Expertos/as dos ámbitos da Filoloxía, Filosofía, Ciencias da Educación, a Medicina ou o Dereito da USC e doutras universidades do estado daranse cita no Salón de Actos da Facultade de Filosofía para tratar, entre outros, asuntos, a homosexualidade nun contexto de cambio cultural, a transexualidade e o seu recoñecemento xurídico, o acceso a bens e servizos por parte de persoas con minusvalías, a identidade sexual ou a relación entre arte e corpo, entre outros asuntos. Este curso conta cun cofinanciamentro do Culture Programme da Education and Cultura DG da Unión Europea a través do proxecto campUSCulturae. Para acadar máis información, as persoas interesadas poden dirixirse á web da Universidade de Verán (http://www.usc.es/cultura/uveran13index.htm).