A USC e a Fundación Catedral de Santiago fortalecen vínculos
A USC e a Fundación Catedral de Santiago de Compostela levan anos colaborando en multitude de actividades de índole científica e cultural. Para dalgún xeito “institucionalizar” esta cooperación, o reitor Juan Casares e o director da Fundación, Daniel Lorenzo, asinaron este xoves un convenio marco que establece as relacións culturais, científicas, pedagóxicas e de investigación a desenvolver. Entre as futuras colaboracións, para as que deberán asinarse acordos específicos, contémplase a execución de proxectos e programas de investigación e desenvolvemento a realizar nos centros das dúas entidades, a cooperación en programas de formación de persoal investigador e técnico ou o asesoramento mutuo en cuestións relacionadas especialmente coa investigación, conservación e restauración do patrimonio da Catedral. Programas culturais e científicos conxuntos ou intercambio de publicacións sobre a historia da catedral son outras das fórmulas colaborativas que contemplan tanto a USC como a Catedral compostelá. Cunha vixencia de dous anos renovables, o control e seguimento do acordo corresponderalle a unha comisión mixta composta polo vicerreitor de Cultura da USC e o profesor da Facultade de Xeografía e Historia Juan Monterroso e, por parte da Catedral, polo seu administrador xeral, Francisco Domínguez, e o director técnico do Museo, Ramón Yzquierdo.