Pasar al contenido principal

A USC inaugura unha exposición conmemorativa do 50 aniversario da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia

A publicación desta Compilación supuxo a consolidación lexislativa dun Dereito que ata entón só se puido manifestar a través do costume

O 2 de decembro de 2013 cúmprense 50 anos da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia, cuxa publicación supuxo a consolidación lexislativa dun Dereito que ata entón só se puido manifestar a través do costume. A súa existencia no momento de entrada en vigor da Constitución de 1978 significou que Galicia quedaba enmarcada entre as comunidades autónomas ás que a lei fundamental outorgaba competencias lexislativas en materia de conservación, modificación e desenvolvemento do seu Dereito propio. No marco desta efeméride, a USC inaugura este martes 3 de decembro unha exposición conmemorativa que poderá visitarse na Biblioteca Concepción Arenal, comisariada pola profesor María Paz García Rubio. O acto inaugural celebrase a partir das 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Dereito presidido polo reitor Juan Casares e no que o profesor Ramón P. Rodríguez Montero pronunciará a conferencia ‘O proceso formativo da Compilación de 1963’. Seguidamente, os asistentes ao encontro visitarán a mostra na Biblioteca Concepción Areal, onde a profesora García Rubio presentará o seu contido. A exposición ’50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galicia’ trata de amosar a través de fotografías, documentos e libros –na súa maioría procedentes dos fondo da propia Biblioteca universitaria– os fitos fundamentais que explican a orixe, a razón de ser, o contido e as implicacións dun texto que “naceu sen vocación de grandeza e ao que o destino ten posto nun lugar destacado”.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.12.2013.