Pasar al contenido principal

A USC conmemora o 50 aniversario da Compilación do Dereito Civil Especial de Galicia

María Paz García Rubio guiou a visita á exposición. Foto: Servimav USC
María Paz García Rubio guiou a visita á exposición. Foto: Servimav USC
Unha mostra na Biblioteca Concepción Arenal analiza a importancia da publicación desta Compilación que supuxo a consolidación lexislativa dun Dereito que ata entón só se puido manifestar a través do...

A Compilación do Dereito Civil de Galicia acaba de cumprir o seu primeiro 50 aniversario, logo da súa publicación o 2 de decembro de 1963. A súa aparición supuxo a consolidación lexislativa dun Dereito que ata entón só se puido manifestar a través do costume. Ademais, a súa existencia no momento de entrada en vigor da Constitución de 1978 significou que Galicia quedaba enmarcada entre as comunidades autónomas ás que a lei fundamental outorgaba competencias lexislativas en materia de conservación, modificación e desenvolvemento do seu Dereito propio. No marco desta efeméride, a USC inaugurou este martes 3 de decembro unha exposición conmemorativa que pode visitarse na Biblioteca Concepción Arenal, comisariada pola profesor María Paz García Rubio. O acto inaugural celebrouse no Salón de Graos da Facultade de Dereito presidido polo reitor Juan Casares, a quen acompañaron o decano deste centro, Luís Míguez Macho; o director xeral de Xustiza, Juan José Martín; o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o deputado provincial de Lugo, Mario Outeiro; e a profesora María Paz García Rubio. Nesta mesma sesión o profesor Ramón P. Rodríguez Montero pronunciou a conferencia ‘O proceso formativo da Compilación de 1963’. Seguidamente, os asistentes ao encontro visitaron a mostra na Biblioteca Concepción Areal, onde a profesora García Rubio presentou o seu contido.

Nestas xornada inaugural tamén estiveron presentes os vicerreitores de Estudantes, Cultura e Formación Continua e de Responsabilidade Social e Calidade, Francisco Durán e Benita Silva, respectivamente, ademais dunha ampla representación de profesorado da Facultade e doutros centros do campus compostelán.

A exposición ’50 aniversario da Compilación de Dereito Civil de Galicia’ trata de amosar a través de fotografías, documentos e libros –na súa maioría procedentes dos fondo da propia Biblioteca universitaria– os fitos fundamentais que explican a orixe, a razón de ser, o contido e as implicacións dun texto que “naceu sen vocación de grandeza e ao que o destino ten posto nun lugar destacado”, sinalan os seus promotores. Como depositaria “do principal legado bibliográfico e documental sobre o Dereito aplicado en Galicia ao longo da súa historia, a USC foi e continúa a ser o máis importante referente para calquera persoa interesada no Dereito galego”, explicou a profesora García Rubio, quen subliñou a importancia da Compilación, “nunca suficiente resaltada e valorada no noso contorno”. Como se puxo de manifesto no acto inaugural da exposición, “esta realidade incontestable obríganos a non deixar que pase desapercibida a conmemoración do aniversario dun texto que, aínda que modesto na súa orixe, constitúe o xermolo e a principal razón de ser de que Galicia e o seu Parlamento teñan hoxe competencias en materia de Dereito civil”. Froito da cooperación entre a Biblioteca Concepción Arenal e o grupo de investigación de Conflictu Legum a exposición amosa todos os textos xurídicos e etnográficos máis importantes relacionados coa Compilación e coa estrutura social da época que pretendía regular, así como outro tipo de documentos fotográficos e similares. A Compilación galega foi a cuarta de todo o estado tras as de Álava e Biscaia (1959), Cataluña (1960) e Baleares (1961), e ás que se sumaron as de Aragón (1967) e o chamado Foro Novo de Navarra (1973). Estas compilacións naceron como resultado das conclusións do Congreso Nacional de Dereito Civil celebrado en 1946 que formulaban a necesidade de compilar as institucións civís e forais dos territorios que dende 1880 foran recoñecidos como tales, entre os que atopaba Galicia. Como explicou a profesora García Rubio, a Compilación de 1963 permitiu que Galicia hoxe conte con capacidade lexislativa en materia de Dereito Civil de entidade suficiente como para facer fronte dende o seu propio Dereito á realidade diarias dos seus cidadáns en materia de tanta transcendencia como a familia, as sucesións, os dereitos reais ou a persoa. O reitor presidiu a primeira parte do acto inaugural celebrada no Salón de Graos da Facultade de Dereito. Foto: Servimav USC Ao acto acudiu unha numerosa representación de profesorado do centro. Foto: Servimav USC

Los contenidos de esta página se actualizaron el 03.12.2013.