A Universidade de Santiago lembrou a figura do seu catedrático Carlos Gómez-Reino Carnota
A Universidade de Santiago de Compostela homenaxeou este venres o catedrático da área de Óptica Carlos Gómez-Reino Carnota, falecido este verán, nun emotivo acto presidido polo reitor Juan Casares no Paraninfo da Universidade e no que participaron numerosos compañeiros e compañeiras, amizades e familiares do profesor. Integrante do cadro de persoal docente dende hai máis de 30 anos, Carlos Gómez-Reino foi un dos impulsores da Escola de Óptica e Optometría da USC, da que sería director, ademais de ter ocupado postos de responsabilidade universitaria como vicerreitor para o Campus de Santiago na etapa de Darío Villanueva. No eido investigador era coordinador do grupo de Microóptica e Óptica GRIN. Xunto co reitor formaron parte da mesa presidencial a decana da Facultade de Óptica e Optometría, Luz Gigirey Prieto; o decano da de Física, Luis Varela Cabo; e as profesoras Carmen Bao e Teresa Flores, compañeiras do homenaxeado no Departamento de Física Aplicada. Ademais, a Santiago trasladáronse dende diversos puntos de España amigos e compañeiros de Gómez-Reino que tomaron a palabra para, en breves intervencións, desgranar a súa figura académica e persoal. Así, o catedrático do Departamento de Tecnoloxía Fotónica da Politécnica de Madrid, José Antonio Martín, encargouse de explicar a súa relación coa Fotónica en España mentres que a catedrática de Óptica da Complutense Luisa Calvo fixo o propio coa súa vinculación coa institución madrileña. O profesor Gómez-Reino e as relacións internacionais foi a cuestión sobre a que falou Amparo Pons, catedrática de Óptica da Universidade de Valencia, á que lle seguiu José M. López, de Cantabria, que ensalzou a súa destacada figura como científico integrador e creador de escola. O papel determinante do homenaxeado no nacemento da Facultade de Física e da Escola de Óptica na USC centrou a intervención do catedrático de Física de Partículas Carlos Pajares, mentres que Juan Martínez, secretario do Colexio de Ópticos e Optometristas de Galicia no momento da creación da Escola de óptica e Optometría da USC, explicou ás persoas asistentes como foi a súa profesión de óptico-optometrista. Pechou estas palabras de amizade o catedrático de Teoría da Literatura e Literatura Comparada da USC e secretario da RAE, Darío Villanueva, que lembrou os anos nos que o profesor Gómez-Reino exerceu como vicerreitor durante o seu mandato na Reitoría.
Antes de pechar o reitor o acto interveu Enrique Gomez-Reino, catedrático de Dereito Administrativo da USC e irmán do homenaxeado, que agradeceu este “tan emotivo e entrañable recoñecemento e de maneira especial ás doutoras e súas discípulas Maite Flores e Carmen Bao pola súa organización”.