Agustín Dosil ingresa na Real Academia das Ciencias Morais e Políticas
O catedrático de Psicoloxía Evolutiva e da Educación da USC Agustín Dosil Maceira acaba de ser nomeado membro correspondente da Real Academia das Ciencias Morais e Políticas. O profesor Dosil pasa a ser así, xunto cos profesores Pinillos e Carpintero, o terceiro psicólogo membro desta institución e o primeiro da Universidade compostelá. A cerimonia de ingreso terá lugar en datas vindeiras. O profesor Agustín Dosil, que pertenceu ao Consello Escolar do Estado en representación das familias entre 1996 e 2001 e das Universidades entre 2004 e 2008, é membro da Comisión Técnica do Instituto Nacional de Calidade e Avaliación Educativa (INCE) e fundador de numerosas publicacións como Revista de Psicología General y Aplicada, Revista de Educación ou Nuestros Hijos, entre outras. É responsable tamén do Programa ’En Familia’ e da serie ‘Tutor Hércules’. Entre outros cometidos profesionais o novo membro da Academia, director do Máster en Ciencias da Familia da USC, é asesor de organismos e institucións nacionais e internacionais vinculadas á familia e á educación. Ademais, impulsou a creación do Instituto da Familia, do Foro Internacional da Familia, da Fundación Nacional para a formación de pais e nais e da Fundación Internacional FAMILIAS MUNDI orientada á formación de responsables sociais e educativos. Agustín Doslil dirixiu 26 teses de doutoramento e 65 de licenciatura e é autor e coautor de 17 libros e cerca dun centenar de artigos en revistas especializadas. As súas liñas de investigación enfócanse cara á mellora da intelixencia, asesoramento e orientación familiar, psicoxerontoloxía, familia e educación para a saúde.