Pasar al contenido principal

Un curso en Dereito analizará as técnicas de investigación criminal en España

O Instituto de Criminoloxía da Universidade de Santiago de Compostela organiza para os días 26 e 27 de xullo na Facultade de Dereito o curso ‘ Testemuñas que nunca menten: métodos e técnicas de investigación criminal en España’. Dirixido por Fernando Vázquez-Portomomeñe e Gumersindo Guinarte, o curso validarase por un crédito de libre configuración. As sesións comezarán cunha mesa sobre identificación de persoas e documentación en casos de tortura e tratos inhumanos e degradantes na que participarán o director do Instituto Nacional de Medicina Legal e Ciencias Forenses de Portugal e presidente do European Council of Legal Medicine e da International Academy of Legal Medicine, Duarte Nuno Vieira, e o catedrático de Medicina Legal e Forense da USC José Ignacio Muñoz Barús. A continuación o director do Imelga, Benito López, e a catedrática María Sol Rodríguez Calvo tratarán as novas perspectivas na autopsia forense. A tarde do 26 de xullo iniciarase con outra mesa redonda sobre o cambio de normativa nos controis de drogas no tráfico rodado na que intervirán a subdirectora xeral de Intervención e Políticas Viarias da DXT, Monica Colás; e o catedrático de Toxicoloxía da USC Manuel López-Rivadulla. O ADN na investigación criminal será a cuestión a tratar por Vanesa Álvarez Iglesias e Antonio Salas Ellacuriaga, do Instituto de Ciencias Forenses da USC. A inspección ocular na escena do delito, con especial importancia aos violentos, será a cuestión que trate o día 27 o xefe da Brigada de Policía Científica de Pontevedra, José Manuel Abuín Vila. Seguiralle un relatorio do tenente da Garda Civil Manuel Ponte sobre a resposta dos corpos de seguridade ás accións das bandas organizadas e da delincuencia violenta e outro do xefe do Grupo de Resposta Especial ao Crime Organizado (GRECO), Antonio Martínez, titulado ‘ Actualidade das actividades delitivas máis novedosas relacionadas co narcotráfico en Galicia’. Os delitos tecnolóxicos, con mención específica ás estafas e á pornografía infantil, será a última charla desa mañá. O curso completarase con relatorios sobre diversos aspectos da investigación das forzas do Estado e a súa transcendencia na instrución xudicial, esta última cuestión a cargo do xuíz José Antonio Vázquez Taín.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.06.2012.